sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

A Deputación aproba o Plan Único e permite aos concellos dedicar o 50% á crise do coronavirus

José Tomé, durante o pleno telemático da Deputación de Lugo. SEBAS SENANDE
José Tomé, durante o pleno telemático da Deputación de Lugo. SEBAS SENANDE
O PP critica que se mantivese a asignación inicial prevista antes da crise sanitaria, de 21,3 millóns de euros

O pleno da Deputación de Lugo aprobou, nunha sesión extraordinaria que se celebrou telemáticamente, o Plan Único provincial para o exercicio 2020 que, como principal novidade, permitirá aos concellos gastar o 50% da súa asignación a afrontar as necesidades que lles poidan xurdir por mor da crise provocada polo coronavirus.

O debate, que supuxo a estrea de Javier Jorge Castiñeira como portavoz do grupo provincial do Partido Popular, non estivo exento de momentos de tensión entre o bipartito do PSOE e o BNG coa oposición.

Os populares criticaron que o Plan Único se aprobase coa asignación inicial prevista antes desta crise sanitaria de 21,3 millóns de euros, o que o portavoz popular considerou "insuficiente e incluso miserable". Defendeu a necesidade de complementar esta cantidade con 700.000 euros máis procedentes de remanentes, "porque do contrario son os concellos os que teñen que pagar esta crise, xa que isto os obrigará a deixar de investir en partidas que xa tiñan previstas para estes cartos".

O Plan Único aprobouse cos votos de PSOE e BNG e a abstención do PP

A portavoz socialista, Pilar García Porto, argumentou, pola súa banda, que a proposta dos populares non era posible, xa que non permitirá cumprir coa regra de gasto. E expuxo que con esta fórmula, "a Deputación pon a disposición dos 67 concellos máis dun millón de euros" para poder afrontar as consecuencias derivadas da pandemia.

O nacionalista Efrén Castro tamén se mostrou contrario á proposta dos populares e indicou que se a Deputación non tivese que asumir os 9 millóns que custa manter as residencias de maiores da rede provincial, "gasto que tivemos que asumir porque a Xunta abandonou os nosos maiores", o goberno provincial podería dedicar agora esa cantidade a outras necesidades.

O Plan Único aprobouse finalmente grazas aos votos a favor do PSOE e BNG e coa abstención dos deputados do PP.

No pleno tamén se aprobou, coa abstención dos populares, unha modificación de crédito de 3,9 millóns de euros para afrontar compromisos de gastos vinculados aos programas do plan único de exercicios anteriores e outros 400.000 para suplementar a partida destinada a Tragsa.

A Deputación aproba o Plan Único e permite aos concellos dedicar o...
comentarios