A Xunta saca a concurso a explotación da Pousada de Portomarín

A concesión será por 20 anos e estímase que nese prazo xerará unha cifra de negocio de 13,7 millóns

Pousada de Portomarín. EP
photo_camera Pousada de Portomarín. EP

A Consellería de Cultura e Turismo publicou este luns na plataforma Contratos de Galicia o concurso para a explotación da Pousada de Portomarín. A concesión será por 20 anos e estímase que nese prazo xerará unha cifra de negocio de 13,7 millóns de euros netos, segundo indicou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 24 de xuño para presentar ofertas. O contrato inclúe a realización de obras de reforma e a dotación dos equipamentos e mobles necesarios. A Xunta achega un proxecto básico que establece a necesidade de investir case 500.000 euros na remodelación, aínda que é adaptable pola firma concesionaria para axustarse ao modelo de negocio que expoña.

Igualmente, a empresa sufragará os gastos de persoal -contémplase a contratación de once profesionais-, de suministración e mantemento, os custos de explotación en xeral e un canon mínimo anual de 12.000 euros que abonará a Xunta de Galicia.

A Pousada de Portomarín está situada nunha leira no centro urbano. Conta cunha superficie de 6.221 metros cadrados e un total construído de 4.245 repartidos en aparcadoiro e piscina exterior, semisoto e tres plantas.

Ademais da calidade das instalacións, a Xunta destaca que a Pousada está en pleno Camiño de Santiago.

Comentarios