A Xunta elimina no Corgo un vertedoiro incontrolado

Os traballos, iniciados esta semana, desenvólvense no lugar de Cela con 14.000 euros de orzamento

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comezou esta semana os traballos de eliminación dun vertedoiro incontrolado de residuos no Corgo. En concreto, esta actuación, cuxo custo roldará os 14.000 euros, efectuarase no lugar de Cela, segundo informou o departamento autonómico.

A Xunta enmarca esta intervención na súa campaña "continuada" para identificar e erradicar eses focos nos que se acumulan residuos sólidos de distinta natureza, co correspondente prexuízo que ocasiona tanto desde o punto de vista ambiental como estético.

Segundo precisaron desde Medio Ambiente, na zona na que se actuará acumúlanse todo tipo de residuos procedentes de traballos da construción e demolición, plásticos, pneumáticos fóra de uso, voluminosos e residuos de aparellos electrónicos e eléctricos, entre outros refugallos.

Os traballos previstos en Cela consistirán na recollida, clasificación e retirada do material depositado no vertedoiro, á vez que levarán a cabo labores de rexeneración dos chans, mediante o estendido de terra vexetal.

Desde o departamento autonómico recalcaron que coa limpeza de verteduras como este se persegue minimizar e corrixir os impactos e a degradación ambiental orixinados por estes focos. A consellería cifra en 1,5 millóns de euros o orzamento que terá no 2009 para a eliminación de vertedoiros incontrolados e a recuperación de espazos naturais degradados.

Comentarios