A Xunta de Galicia decreta dúas concentracións parcelarias en Outeiro de Rei 

Reorganizarán máis de 2.000 hectáreas
CAMPO

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves os decretos da Consellería do Medio Rural que declaran de utilidade pública dúas reestruturacións parcelarias en Outeiro de Rei (Lugo) que permitirán reorganizar máis de 2.000 hectáreas de superficie. 

Segundo trasladou a Consellería do Medio Rural, a primeira concentración parcelaria afecta as parroquias de Arcos, Sobrada de Aguiar e San Lourenzo de Aguiar, mentres a segunda corresponde á parroquia de San Fiz de Paz. 

Deste xeito, dá comezo a fase de bases, que comprende a investigación da propiedade e a clasificación de terreos para levar a cabo as dúas concentracións, que beneficiarán a 833 propietarios. 

Estes procesos contan con apoio do Concello e os titulares das explotacións da zona. En concreto, nestas dúas áreas atópanse rexistradas 125 granxas, o que leva a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias. Esta medida permitirá a ampliación da base territorial das granxas, o que favorecerá unha diminución dos custos de produción. 

Estes son os dous primeiros decretos de reestruturación parcelaria publicados tras a entrada en vigor en 2015 da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Paralelamente, a Xunta buscará continuar o impulso destes procesos xunto á futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. 
 

Comentarios