"Os voceiros do BNG son parceiros da UPG e dubido de que Pontón rache con esa tutela"

O escritor castroverdés Xosé Manuel Sarille analiza no seu libro 'A nova presenza do BNG' a evolución da formación frontista e a necesidade de artellar "un liderado renovador e moderno"
Xosé Manuel Sarille. SEBAS SENANDE
photo_camera Xosé Manuel Sarille. SEBAS SENANDE

Xosé Manuel Sarille analiza no seu libro A nova presenza do BNG o comportamento electoral cíclico da formación frontista e as causas destes altibaixos. Sarille, integrante da Xeración Erga, os estudantes que se formaron no nacionalismo galego de esquerdas nos anos 70 e 80, observa dende aquela con atención o campo político nacionalista. Na súa opinión, o Bloque "sufriu períodos de decadencia, provocados por un dogmatismo ríxido que o anquilosa, pero cando maior é o perigo de grupusculización e soan as alarmas, os seus dirixentes atopan unha táboa de salvación e mesmo adoptan decisións audaces".

A organización frontista sufriu auténticas travesías do deserto.
Os dous períodos máis difíciles foron o anterior á refundación de 1982, cando os seus dirixentes deciden non acatar a Constitución e fan da súa postura unha bandeira absoluta. Entón ficharon a Beiras para deixar atrás a estratexia rupturista. Outro dos afundimentos veu polos erros de estratexia despois de que se consumase a división interna na asemblea de Amio, cando marcharon moitos dos fundadores de Age. O Bloque fixo ouvidos xordos ás reivindicacións sociais dos indignados do 15-M. Limitouse a dicir que era un fenómeno de Madrid, cando ben podía ser de Berlín ou Nova York. Non compareceu, se cadra por temor á emerxencia de Podemos, unha forza pola que podes ter simpatía ou a antipatía máis absoluta, pero que constituíu un relevante experimento político.

E cales foron as claves do novo rexurdimento?
O Bloque recuperouse cunha mensaxe amábel, cercana, lonxe do fundamentalismo doutrinal. Xorde a figura de Ana Pontón cun discurso formalmente renovador, homologable co modelo de líder predominante. Pontón ten unha forma moi distinta de facer política respecto doutros dos seus compañeiros, como o deputado en Madrid, Néstor Rego, máis esencialista e anclado nos discursos do vello galeguismo.

Aínda que as cousas vaian ben, parece que se vive un momento clave cando Ana Pontón pide ter as mans máis libres.
Cando traballa con audacia e empuxe, o BNG sobe. Beiras funcionou e Ana Pontón tamén. Pero cando os voceiros nacionais aportan novas análises é fácil que xurdan diverxencias co núcleo duro da UPG, coa contorna de Francisco Rodríguez e os seus herdeiros. Exercer de voceiro nacional non significa ser o xefe, os líderes do BNG sempre foron os parceiros da UPG, Beiras incluído. A última decisión sempre estivo nas mans da UPG, pero no caso de Pontón hai que valorar que se trata dunha persoa educada e criada dentro desta organización e á que ninguén lle pode discutir a necesidade de ampliar a base social. Penso que o debate, máis que no ideolóxico, céntrase nas prioridades que se deben marcar para acadar unha maior proxección.

Rodríguez leva máis de 40 anos movendo os fíos desde a UPG, algo que non se dá en ningunha formación do mundo

Cre que rachará Pontón esa tutela dos seus compañeiros de organización?
Non teño claro que queira facer unha aposta a fondo, pero co seu posicionamento fai que os focos se centren nela. É un xeito de reafirmar a súa autoridade e tamén unha vía para buscar un maior poder dentro da executiva, pero está por ver se a UPG acepta deixar de xogar ese papel de vangarda do proletariado que sempre tivo no Bloque. Os seus 600 militantes pesan máis que o conxunto dos afiliados ao BNG. Paco Rodríguez leva 40 anos movendo os fíos, algo que non se dá en ningún partido do mundo. Sería bo que a UPG seguise o exemplo do uruguaio Pepe Mújica, que mantiña que os antigos tupamaros non eran vangarda do proletariado, nin de nada, no Fronte Amplio.

Ata que punto facilitou a retirada de Beiras da primeira liña política o ascenso do Bloque?
Os seus responsables adoptaron o que chamei estratexia Stalingrado. Había que resistir ata que o inverno acabase coas mareas, que subiron polo liderado de Beiras. No Bloque sabían que este foi incapaz de articular unha organización na súa vida política. Pasoulle no PSG e tamén no Bloque, onde as cousas só funcionaron cando se levaron ben. Rodríguez sabe que Beiras é unha bomba, pero a culpa do desmembramento das mareas non foi súa, aínda que perdesen un referente cando deu un paso atrás. Os dirixentes das mareas demostraron unha grande inmadurez, actuaron cunha irresponsabilidade descomunal que xerou división.

Acusa vostede ao Bloque de carecer de propostas políticas modernas para chegar á xente. En que basea esta afirmación?
O seu sustrato ideolóxico está en concepcións políticas propias dos movementos de liberación dos anos 60. Trátase dun anacronismo ideolóxico e organizativo arcaico, lonxe do que queren os cidadáns. Tamén hai unha tendencia a agarrarse ao historicismo, a un pasado idealizado, á apelación do símbolo como refuxio. No BNG conviven estas prácticas con outras pragmáticas. Mentres que a líder autonómica traballa para ser alternativa de goberno, obrando de xeito idéntico a calquera outro partido parlamentario, o representante en Madrid abandona o realismo e homológase coa CUP. Nos programas do BNG mestúrase este maximalismo co posibilismo. Ademais, non é fácil para unha formación de esquerdas xerar políticas de cambio nunha comunidade coa poboación moi envellecida e con concellos pequenos.

Existe tamén un percorrido político que demostra o acerto ou o desacerto. Cal é a súa visión da xestión institucional do nacionalismo?
O Bloque achega como referentes o concello de Pontevedra, o de Allariz e o de Fene, este último en decenios pasados. Idealiza a súa xestión nestes concellos, pero o resultado do seu percorrido en distintas institucións é magro, Ensinar só unha parte do traballo non é afondar na realidade, pero iso fano tanto o Bloque como o resto das organizacións políticas.

"O BNG ten unha relación de amor-odio cara á Xunta como máxima institución galega"

Ao falar das estratexias do BNG, Xosé Manuel Sarille subliña "o erróneo posicionamento inicial do BNG sobre o tren de alta velocidade. Cando Pascual Maragall fixo una proposta de infraestrutura ferroviaria en malla para saír cara a Europa, e non radial, centrada en Madrid, o BNG non o soubo ver. Só cambiou de posición cando os portugueses varían o trazado cara a Madrid e apostan por reforzar o eixo Lisboa-Porto".

Tamén houbo idas e voltas nas alianzas en Euskadi e Cataluña?
Este vaivén é chamativo. As viaxes ao centro non se produciron só baixo a inspiración de Beiras, como acostuman dicir os dirixentes do BNG, que despois retornaron aos seus compromisos tradicionais coas formacións de esquerda.

Fala vostede dunha dualidade na valoración da Xunta como institución por parte do BNG.
A Xunta é o principal órgano de representación de Galicia e administra millóns de euros ao ano. O Bloque ten unha relación de amorodio cara á Xunta como máxima institución galega. Non se debe mergullar no ideoloxismo e falar dun poder menor, nin dun Parlamento de cartón, cando os seus voceiros aspiran acadar o Goberno. O PNV ou ERC ven as institucións autonómicas como algo honorífico, como unha construción propia que hai que desenvolver.

Comentarios