A violencia sexista centra unha reunión en Outeiro de Rei

A Xunta constitúe neste municipio unha mesa local, como órgano de prevención e actuación áxil ante posibles casos 
IgualdadeOuteiroRei1
photo_camera Asistentes á reunión da mesa local de Outeiro de Rei. EP

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu este luns á reunión da mesa local contra a violencia de xénero en Outeiro de Rei, onde destacou o importante papel que desempeña este órgano «na prevención e actuación áxil ante a detección de casos e para garantir a eficacia dos recursos destinados ás vítimas».

«A coordinación e a colaboración son as premisas fundamentais para unha atención máis áxil, eficiente e eficaz ás mulleres que ven vulnerados os seus dereitos por mor da violencia de xénero», remarcou a secretaria xeral, quen explicou que este organismo está integrado por interlocutores «dos Centros de Información á Muller, da Garda Civil e das policías locais, así como persoas dos centros educativos e sanitarios das localidades que integran este ente supramunicipal».

Susana López Abella recordou, neste sentido, que a Xunta traballa co obxectivo de intensificar «o traballo destas entidades nos concellos que xa as teñen constituídas e axudar á súa creación naqueles nos que aínda non existe».

A rede de entidades locais contra a violencia de xénero xurdiu por mor dun protocolo asinado entre a Xunta e a Fegamp en 2012. Froito deste acordo, a finais do pasado ano, estaban adheridos a esta rede un total de 219 municipios galegos, nos que a Secretaría Xeral da Igualdade organizou diferentes actividades gratuítas encamiñadas a identificar, previr e concienciar sobre esta problemática.