Un vehículo esnáfrase en Guntín cando fuxía da Policía Nacional

Un gran dispositivo de forzas de seguridade despregouse na zona tras o brutal choque, que causou alarma entre os veciños. Non hai feridos graves

Un vehículo encaixouse este domingo pola noite contra o muro perimetral dunha leira e contra un poste eléctrico en Guntín cando as persoas que viaxaban nel fuxían da Policía Nacional, segundo testemuñas dos feitos.

A furgoneta entrou a gran velocidade na vila e tivo o accidente preto da gasolineira e da curva que hai nesa zona. Perseguíao un vehículo camuflado da Policía Nacional. No vehículo viaxaban "unhas seis ou sete persoas", segundo veciños que estaban alí neste momento, que relataban tamén que había nenos pequenos.

A pesar da brutalidade do choque, segundo fontes presenciais só houbo feridos leves e non foi necesario excarcerar a ningún dos ocupantes, que terían nacionalidade estranxeira.

O accidente provocou unha gran alarma en Guntín, tanto pola violencia do choque, como polo gran despregamento policial que tivo lugar, con varios coches da Policía Nacional e da Garda Civil, así como unha ambulancia.

Algúns dos ocupantes do vehículo intentaron fuxir tras o choque, pero foron atrapados polos axentes. A Policía Nacional non ten xurisdición en Guntín, polo que o máis probable é que o vehículo fose perseguido polos axentes desde Lugo capital, aínda que dadas as horas nas que se rexistrou o suceso foi imposible solicitar a versión policial.