Veciños do Corgo denuncian os problemas que causan as cegoñas

Protestan polos riscos que entrañan os niños

Os problemas de convivencia entre as cegoñas e os veciños do Corgo son unha constante nos últimos anos, e volveron a saltar estes días debido a varios cortes de luz no municipio. Desde Naturgy -antes Gas Natural Fenosa- informaron de que os fallos na subministración eléctrica desta semana non teñen a súa orixe nas aves; con todo, recoñeceron que moitas veces si se producen por culpa dos niños. Ademais, algúns dos habitantes do concello aseguraron que a preocupación polo animal vai moito máis alá das interrupcións na corrente.

O alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro, explicou que o recibiron no Concello varias queixas polos cortes na corrente eléctrica, algo que confirmaron en Naturgy. "Nos últimos días recibimos tres incidencias en baixa tensión, unha o 6 de abril e dúas o luns. A última afectou a 38 clientes durante 246 minutos, e a avaría localizouse na instalación de iluminación pública", indicaron desde a compañía.

Naturgy asegura que os cortes desta semana non teñen a súa orixe nas aves, pero que moitas veces si se deben aos niños

Esta última avaría afectaba á caixa de protección da iluminación, que estaba en mal estado, o que danou a rede de distribución e causou os cortes, con todo, en Naturgy explicaron que as cegoñas si son as responsables dos cortes. Os cables, ao parecer, teñen unha protección que fai que se desconecte ao recibir un golpe, como pode ser unha rama dun niño. Algo parecido -simplificando moito o proceso- ao que sucede cando salta o automático nunha casa.

O problema á hora de previr esta situación radica na protección á que están sometidas as cegoñas, especialmente na súa época de cría. En ocasións, cando a cegoña deixa o niño, colócanse proteccións para aves no cableado, aínda que é probable que ao ano seguinte a cegoña aniñe noutro lugar, polo que a situación se repite constantemente.

"MOITO TEMPO". Moitos veciños do Corgo protestaron pola situación. "Levamos moito tempo así, con cortes de luz continuos, e as solucións que nos dan sempre son provisionais", explicou o dono dun establecemento hostaleiro do municipio, mentres que nun taller aseguraron que levan "moito tempo sufrindo cortes", aínda que non se aventuraron a detallar ningunha causa.

Os niños no alto dos postes (tamén nas casas e árbores) cóntanse por decenas no municipio, en especial, na parroquia de Maceda. "Nós mercamos un xerador porque nunca nos deron ningunha solución. Incluso puxemos un escrito no Concello e nunca tivemos resposta. Hai moitos problemas porque no verán causan un cheiro desagradable, e hai que ter coidado porque pode caer un", indicou a responsable dun negocio na zona. Outros veciños alertaron tamén do risco que suporía a caída dun niño.

Comentarios