Un veciño de Castroverde denuncia que a súa casa está cercada pola maleza

Asegura que a vivenda está ameazada por árbores que "non gardan a distancia legal" e recoñece que teme que se produza un incendio

Un veciño de Carballedo, Castroverde, denuncia que a súa casa está cercada por ramas de árbores que pertencen a unha leira situada a escasos "tres ou catro metros da vivenda". O afectado, José Gómez, afirma que non gardan a distancia regulamentaria e invaden a edificación e asegura que vive con medo a que se poida producir un incendio que, sen dúbida, tería nefastas consecuencias para o inmoble.

Gómez explica que hai un tempo púxose en contacto cunha das tres propietarias da parcela, que é a súa veciña, para pedirlle que gardase unha franxa de protección libre de vexetación á súa vivenda. Ante a súa negativa, o home presentou unha denuncia ante o Seprona o pasado ano que foi remitida á Consellería de Medio Rural. O organismo autonómico arquivou a causa o mes pasado ao considerar que non se incumpre as leis de Montes nin de Prevención de Incendios. No entanto, o home presentou un recurso de reposición ao considerar "unha inxustiza" que non se tivo en conta a súa demanda.

O castroverdense sinala que conta cun informe de 13 páxinas do Seprona acompañado de varias fotografías que acreditan os feitos. O home precisa que neste documento recóllese que "por parte dos axentes actuantes compróbase a veracidade dos feitos denunciados". Ademais, o denunciante presenta un informe pericial no que, segundo asegura, constátase que se aprecia que os incumprimentos da lexislación son flagrantes, segundo informa un técnico competente".

José Gómez recorda que as condicións da masa forestal da leira non cumpren co establecido na lei 3/2017 de 9 de abril de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia "por non gardar a distancia mínima establecida". Afirma tamén que incumpren o artigo 592 do Código Civil que "establece que se as ramas dalgunhas árbores esténdese sobre unha herdade, xardíns ou patios veciños, terá o dono deste dereito a reclamar que se corten en canto se estenden sobre a súa propiedade", di.

O home remarca ademais que "con só ver as fotografías pódese comprobar que non se garda a distancia legal" e critica que desde Medio Rural desestimen a súa denuncia. "Paréceme totalmente inxusto, porque o que pido é algo totalmente lóxico. ¿Que pasa se se produce un incendio e as chamas propáganse polas copas das árbores e arde a miña casa?", pregúntase o afectado. E engade que espera que desde a Consellería rectifiquen e solucionen a súa situación "para poder deixar de vivir con medo a morrer queimado", lamenta.

Comentarios