Martes. 20.11.2018 |
El tiempo
Martes. 20.11.2018
El tiempo

Vázquez pon de exemplo unha granxa de Friol que pastorea con porcos celta

Visita á explotación de porco celta en Carballo. XESÚS Ponche
Visita á explotación de porco celta en Carballo. XESÚS Ponche

A conselleira de Medio Rural destacou que a explotación é pioneira na comunidade galega

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou este venres as instalacións dunha granxa porcina pioneira en Carballo, Friol. O proxecto, financiado con 74.000 euros polo Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), traballa cunha explotación extensiva de porcos celta.

Á visita acudiron tamén a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde de Friol, José Ángel Santos. Alí, as autoridades transmitiron o seu agradecemento aos comuneiros do monte de Carballo e á Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel), xestores da granxa.

O principal punto destacable das instalacións, segundo a conselleira, é "o feito de facer compatible a vida saudable dos animais coa adecuada xestión da contorna natural e a diversificación dos produtos forestais". O proxecto conta cun orzamento total de 90.000 euros, dos cales a Xunta de Galicia achega 74.000.

José Ángel Santos reiterou o seu agradecemento aos comuneiros do monte de Carballo e a Asoporcel polo traballo que están a realizar no municipio

EFICIENCIA. As instalacións modulares das que se dota a granxa, "facilmente transportables e de funcionamento totamente autónomo", destacou Vázquez, están destinadas a aproveitar o uso das enerxías renovables. Ademais, utilízanse as tecnoloxías da información e comunicación para poder xestionar correctamente os recursos naturais dispoñibles.

A iniciativa pretende, como explicou o rexedor friolés, José Ángel Santos, "acadar un rendemento importante co control da biomasa vexetal e da matogueira". Outro dos obxectivos é "aumentar a prevención dos incendios forestais e impulsar o desenvolvemento rural e da súa poboación", afirmou.

A granxa de Carballo é a primeira en Galicia que se dota con este tipo de modelo. Neste caso, o sistema de aproveitamento silvopastoril elixido-que combina a cativa gandeira co cultivo vexetal do terreo- está enfocado a aproveitar ao máximo a rendibilidade da explotación. Os animais teñen, ademais, maior liberdade.

José Ángel Santos reiterou o seu agradecemento aos comuneiros do monte de Carballo e a Asoporcel polo traballo que están a realizar no municipio. "Proxectos coma este fan que Friol goce de fontes de riqueza como en ningún outro lado", explicou.

Tanto a Consellería do Medio Rural como a corporación municipal de Friol esperan que a de Carballo sexa unha explotación que sirva de exemplo para outros futuros proxectos da comunidade galega.

Vázquez pon de exemplo unha granxa de Friol que pastorea con porcos...
Comentarios