O TSXG anula unha sanción da CHMS ao Concello de Portomarín pola traída

A Confederación había imposto ao Concello unha multa de case 26.000 euros por non ter legalizada a captación de augas
Juan Serrano. AEP
photo_camera Juan Serrano. AEP

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXSG) acaba de facer pública a sentenza pola que anula unha sanción de case 26.000 euros que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) impuxo ao Concello de Portomarín por non ter legalizada a captación de auga á capital e núcleos máis próximos.

A CHMS considerou no seu momento que os acordos sobre a traída de augas entre Concello e Fenosa, ao construírse o encoro de Belesar, non implicaban a autorización destas captacións. Por esta razón, en marzo de 2018, impuxo ao Concello unha sanción de 19.960 euros, á que sumou outra de 5.998 en concepto dos danos producidos. O goberno local recorreu naquel momento a resolución e agora o TSXG acáballe de dar razón.

Para o xuíz, "aínda que a derivación da auga para o abastecemento da poboación de Portomarín realizouse sen título habilitante", o acordo que no seu día alcanzou con Fenosa por mor da construción do encoro xerou no Concello "a sensación da existencia desa autorización". O auto xustifica, ademais, a actitude do consistorio, xa que o abastecemento de auga á poboación é un servizo municipal de "obrigada prestación".

Por todos estes motivos, "exclúese", segundo o auto, "o elemento subxectivo da culpabilidade imprescindible para a imposición de calquera sanción", polo que libera ao Concello de pagar á CHMS ningún tipo de multa por este motivo.

A subministración de auga para a vila de Portomarín e núcleos próximos realízase desde unhas instalacións situadas xunto aos ríos Ferreira e Cebres

A sentenza non expresa, con todo, a imposición de costas procesuais a ningunha das partes. E é que, neste sentido, o xuíz fai referencia á singularidade do caso, xa que o acordo entre o Concello e Fenosa remóntase a unha concesión de 1948 e a un posterior convenio de 1969, vinculado ás infraestruturas relacionadas coa auga que a compañía se comprometeu a executar tras a inundación do antigo pobo a raíz da construción do encoro.

Reaccións. O alcalde de Portomarín, o popular Juan Serrano, mostrou este venres a súa satisfacción pola resolución do TSXG. Segundo manifestou, "non deixaba de ser un acto de arrogancia por parte da CHMS antepoñer un tema administrativo ás necesidades dunha entidade de poboación".

Serrano tamén manifestou que desde o momento en que coñeceu o auto sentía "avalado pola xustiza" e explicou que por mor desta sentenza agora ábrense "novos canles de diálogo para legalizar a captación".

A subministración de auga para a vila de Portomarín e núcleos próximos realízase desde unhas instalacións situadas xunto aos ríos Ferreira e Cebres, de cuxo caudal se fornece unha traída que dá servizo a uns 750 veciños.

Comentarios