"O traballo diario é a miña forma de vida, non son de coller vacacións"

María José Gómez Rodríguez, alcaldesa de Guntín e xefa territorial de educación, é unha todoterreo, con xornadas maratonianas. Compatibiliza agora a xefatura territorial de Cultura e Educación coa alcaldía de Guntín, di que o traballo diario é a súa forma de vida, aínda que ao atender dous cargos non coma antes das catro da tarde
María José Gómez. PALEO
photo_camera María José Gómez. PALEO

XA non o tiña fácil para compaxinar a alcaldía de Guntín coa xefatura de servizo de Coordinación Cultural e do Patrimonio da Xunta en Lugo, pero María José Gómez Rodríguez asumiu un reto maior ao facerse cargo da xefatura territorial de Cultura e Educación. «O mundo educativo é esixente e sempre hai problemas que solucionar, pero son profesora de Inglés en Secundaria e o ensino é a miña vocación. Coido que non terei problema para manter un dobre programa de traballo diario como fixen ata agora», di.

Como se amaña para compatibilizar a xefatura territorial de Educación co Concello?

Cando asumín a xefatura de servizo de Coordinación Cultural e saín elexida alcaldesa, custoume un pouco adaptarme ao Concello e axustar os horarios. A vida municipal demanda atención aos veciños, ao urbanismo, aos servizos sociais. Era un mundo novo para min, pero marquei unha pauta de traballo. Levántome ás 6.30 e estou na Xunta ata as 13.30. Despois vou á Alcaldía a resolver asuntos e atender xente. Nunca como antes das 16.00 e, ás veces, fago xantar merenda. Nun concello pequeno o alcalde debe estar dispoñible. Pola tarde visito obras e sigo a atender veciños. Tamén aproveito para estar coas fillas. 

E agora queda sen vacacións para preparar o comezo do novo curso escolar.

O traballo diario é a miña forma de vida. Nunca collín un mes de vacacións. Tiven as primeiras con 30 anos para facer unha viaxe dunha semana, que é o tempo que acostumo descansar. Non son de desconectar, nin quero. Meus pais son gandeiros e deles aprendín a traballar os 365 días do ano. A calquera autónomo lle pode pasar o mesmo. Só irei ao ralentí para a semana que vén, que estarei entre Guntín e Foz.

Véselle ilusionada coa súa nova responsabilidade...

Cando deixei de dar Inglés para dedicarme á política botei de menos os alumnos. O ensino encántame e entendo que a educación pública é unha ferramenta marabillosa que nos permite ser a todos iguais e non se lle dá o valor real que ten. É un sector con polémicas, complicado, pero que me gusta. Estiven no cadro directivo dun centro e sei que non se poden solucionar todos os problemas, pero si xestionar e optimizar recursos para manter o bo nivel do noso sistema educativo.

Foi vostede unha profesora dura?

Ao principio era demasiado esixente, algo común aos docentes de idiomas. Un director do instituto de Palas, do cal gardo un gran recordo, díxome nun claustro que cando tivese fillos sería máis comprensiva. Non cambiei por ser nai, pero tiña razón, porque cos anos gañas experiencia e adáptaste ao alumnado.

Vostede naceu e vive nun concello rural. Cre que existen diferenzas educativas entre os nenos do campo e os urbanitas?

Sigo vivindo nunha aldea de cinco casas, das que só tres están habitadas. As miñas fillas residen aí e van ao colexio de Guntín. Como estudante e como profesora estiven en centros urbáns e rurais e a miña experiencia lévame ao convencemento de que a calidade do ensino é semellante. Outra cousa distinta é que nas cidades haxa aulas de 25 alumnos e nos pobos de dez. As novas xeracións do campo son cada vez máis urbanitas, pero vivir no rural transmite determinados valores vencellados a unha forma de vida e de traballo.

"Estudei e din clase en centros rurais e urbanos sempre apreciei que a cañodade educativa é semellante"

Trátalle de inculcar vostede eses valores ás súas fillas?

Si. O día que libra o empregado da gandeiría de meus pais, que van maiores, axudo a muxir. Gústame que as miñas fillas estean co gando e aprendan. Valorar o esforzo que supón gañarse a vida é a mellor aprendizaxe que poden ter. Unha das cousas que máis ilusión que me fixo foi, con 13 años, ter todas as vacas muxidas e o traballo feito cando voltaron meus pais dunha voda. Os nenos rurais teñen que ver cómo se fan as cousas e non vivir de costas á realidade que os rodea.

Como ve o futuro do concello?

Esta semana tiven unha das últimas reunións en Santiago para sacar adiante o plan básico de ordenación municipal antes de sometelo exposición pública. Confío en que estea aprobado nun ano para favorecer a construción de vivendas. En núcleos como Guntín ou Lousada hai demanda. É importante ampliar as zonas urbanizables e se se instala Altri teremos unha boa oportunidade de desenvolvemento. O plan tamén permitirá crear unha área industrial.

Poderá aguantar este ritmo de traballo moito tempo?

Non é para estar así toda a vida, pero de momento resisto. O meu predecesor, Suso Carreira, compaxinou a banca coa alcaldía e tamén eu asumo dúas tarefas e fago o que me gusta.

Comentarios