Traballadores de Alcoa cortan a A-6 en Outeiro de Rei

A negociación para a venda da planta de San Cibrao afronta unha semana clave sen visos de acordo

Traballadores de Alcoa en San Cibrao cortaron o tráfico na mañá deste martes, pouco antes das 11.00 —e durante ao redor dunha hora—, na Autovía do Noroeste (A-6) á altura do municipio lucense de Outeiro de Rei, para reclamar unha vez máis que chegue a bo porto o proceso iniciado para a venda da planta de aluminio primario ao grupo GFG Alliance —Liberty House—. Fixérono nunha semana clave, a falta de seis días para que conclúa o prazo acordado para a negociación da venda da fábrica de Aluminio.

Como noutras ocasións, formaron barricadas con rodas ás que logo lles plantaron lume, á vez que coreaban consignas como 'Enerxía, solución', 'Álvaro Dorado, primeiro ti ao paro', 'Alcoa cabrón, vende a instalación' ou 'A solución, unha intervención'.

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao celebrou este luns un pleno extraordinario no que ratificou a súa postura de "non aprobar outra cousa que non sexa a venda" da fábrica de aluminio primario a GFG Alliance, porque "non hai outra solución viable" que garanta o futuro da produción e dos postos de traballo.

O presidente do comité, José Antonio Zan, confirmou que esta semana continuarán "as mobilizacións", con accións "por sorpresa" como a deste martes, para manter a mobilización social en defensa da Mariña e dos postos de traballo ata o final.

"Imos seguir loitando e facendo todo o que poidamos", dixo Zan, para que o proceso de negociación para a venda da fábrica chegue a bo porto e se garanta por parte da empresa compradora o cento por cento da produción e o mantemento dos postos de traballo "para moitos anos".

Confirmou que nestes momentos están a producirse "reunións ao máis alto nivel, entre o Goberno de España e Alcoa", polo que opina que a multinacional americana debería aceptar a mediación do Executivo e "levar a bo termo esta venda".

Pola súa banda, a plataforma que agrupa os traballadores das empresas auxiliares tomou a decisión da iniciar este mércores unha folga indefinida. O seu portavoz, Kike Rocha, recordou que os traballadores das auxiliares correrán a mesma sorte que os do persoal se pecha a fábrica de aluminio primario, de modo que "non se perderán cincocentos, senón mil postos de traballo".

Comentarios