Tomé faille chegar un exemplar do Estatuto de Autonomía ao alcalde de Portomarín

No mes de setembro Serrano propúxolle ao presidente da Deputación pagar un taxi a medias entre as administracións para os alumnos que non tiñan autobús para ir ao instituto a Lugo
Carta enviada por Tomé, xunto a un exemplar do Estatuto.EP
photo_camera Carta enviada por Tomé, xunto a un exemplar do Estatuto.EP

O presidente da Deputación, José Tomé, cumpriu co seu "compromiso" de enviarlle un exemplar do Estatuto de Autonomía ao alcalde de Portomarín, Juan Serrano, despois dunha disputa entre ambos ante o conflito que xurdiu no pasado mes de setembro ao verse varias familias do municipio lugués prexudicadas pola falta dunha liña de autobús que puidese enviar aos rapaces que estudaban en centros da cidade de Lugo axeitada ás necesidades do estudantado.

Entón, ao principio do curso, a Xunta de Galicia desdobrou as quendas das clases de secundaria para adaptarse aos protocolos do covid-19, co que houbo unha descompensación co transporte, xa que non houbo autobuses para todos os horarios. O rexedor propuxo entón que Concello e Deputación asumisen o gasto que lle correspondía ao Goberno galego, polo que Tomé se amosou disposto a facerlle chegar ao responsable local un exemplar do Estatuto, aproveitando o 40 aniversario da norma, para que comprobase que as competencias son da Administración autonómica e remitiullo xunto cunha carta na que sostén que é a Xunta a que ten que resolver o problema que creou.

Na misiva, Tomé insiste en que "ambos traballamos polo benestar dos nosos veciños e veciñas". E sempre resulta tentador aparecer como "a variña máxica capaz de conxurar un taxi cando a Xunta non quere mandar o autobús".

"Pero se queremos de verdade defender aos veciños e veciñas, cómpre que reclamemos os orzamentos precisos para facelo. Que loitemos para que, despois de 40 anos de desenvolvemento do Estatuto, traballemos agora en garantir a autonomía local. Delimitando as competencias e asegurando unha achega de fondos suficientes aportados dun xeito claro, transparente e determinado por criterios obxectivos, alleos a calquera consideración partidista", sinala a misiva.

O presidente explica que o presente, "feito dende a cordial discrepancia das nosas respectivas posicións políticas”, é para lembrarlle ao rexedor de Portomarín que “nestes 40 anos citamos moito o Estatuto, pero non o aplicamos sempre ben, especialmente no que fai aos concellos, porque a base do municipalismo moderno xa está neste texto, que marca con claridade as obrigas da administración autonómica e da local". 

O pleno provincial do mes de setembro aprobou unha moción do Goberno da Deputación para instar á Administración galega a que adaptase o transporte público aos horarios do alumnado de Secundaria e o presidente intercedeu ante a Xunta para que adaptase o transporte público logo de reunirse coas familias de Portomarín con fillos matriculados no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo.

Comentarios