Unha tarde refrescante de Esbatuxada

Decenas de embarcacións tomaron o caudal do Miño en Rábade para participar no divertido concurso

Participantes en la Esbatuxada. ANA SOMOZA
photo_camera Participantes na Esbatuxada. ANA SOMOZA

O río Miño ao seu paso por Rábade tivo unha cita este martes cos seus veciños, que celebraron o penúltimo día das súas festas. O clima apetecible tentaba a darse un baño nas súas augas, pero esa non era a idea, senón a de cruzalo coas divertidas e imaxinativas embarcacións de fabricación propia.

Un globo aeroestático, cisnes, unha simulación de bañeira, un barco pirata ou ben, barquiñas feitas a partir de paneis de madeira e varias garrafas de plástico agarradas cunhas bridas eran algunhas das canoas que se aventuraron á odisea. "O que importa é que flote e que nos poida levar", comentaba unha das participantes.

O alcalde do pobo, Francisco Montes, que xunto aos seus colegas tamén se uniron á competición, simularon unha lancha con cargamento de drogas. Para poder ver este concurso tan refrescante, as persoas esperaban pola vereda do río e incluso na meta, situada na ponte romana.

GALARDÓNS. "Para os premios non inflúe que chegues o primeiro senón a orixinalidade, a creatividade e a posta en escena das embarcacións", dicía Silvia Vázquez, técnica en Animación. Había dúas categorías, infantil e adultos. O primeiro premio do grupo dos máis pequenos levaron 100 euros e o segundo, 50. Para os maiores, o primeiro 300 e o segundo 200 euros.

Gañasen ou non, gozar dunha boa tarde era o primordial porque como dicía un dos veciños, "viñemos pasalo ben, vir ao río e comer coa familia".

Comentarios