"A soidade empeora a saúde"

Os maiores que viven sos tenden a comer peor, durmir con desorde e socializar menos  A xeriatra Rocío Malfeito di que as mulleres adoitan aguantar máis vivindo autónomas
Menores y ancianos en Galicia
photo_camera Un maior paseando. AEP

O servizo de Xeriatría do Hula, o primeiro dos hospitais galegos, ten cada vez máis pacientes que viven sos e cada vez máis pacientes de maior idade vivindo sen compañía. "Nos últimos catro anos, 20.000 galegos máis viven sos e calcúlase que para 2031 serán 347.000 as persoas da comunidade que vivan soas", explica a xeriatra Rocío Malfeito, que recorda que "a soidade empeora a saúde". 

Cando un maior vive só, segundo observa en consulta, tende a comer peor. "Moitos pacientes non lle ven sentido a cociñar para un, a facerse un prato de culler por exemplo. Dinche que comen de seco: pan, embutido... Se cadra fanse unha sopa, pero unha sopa de sobre", explica a especialista. Se se vive en familia moitas veces é precisamente a persoa maior a que cociña para todos, con todo. 

Tamén os hábitos de soño tenden a descoidarse. "Poida que pase máis tempo durmindo pola mañá porque para que levantarse", di. A socialización tamén pode resentirse, especialmente se se vive en zonas rurais illadas, con pouca comunidade. A falta de luz tamén inflúe e para moitos o costume do paseo practícase no verán e abandónase ou reduce no inverno. 

Cuestiones como o autocuidado ou o seguimento estrito da pauta de medicación depende da personalidade

De calquera forma, en xeral a soidade e como che afecta, do mesmo xeito que todas as cuestións relacionadas coa saúde, teñen moito que ver co código postal. "Cando vén un paciente a consulta sempre lles preguntamos que hai no seu concello e animámoslles a que se apunten a talleres de memoria, a ximnasia de grupo ou que se saen a pasear e saben de alguén que tamén o fai únanse, que salgan xuntas ", explica a doutora Malfeito. Recoñece que non en todos os municipios hai ese tipo de oferta e, aínda que algúns concellos rurais si contan cunha axenda así, outros ou non a teñen ou contan con veciños demasiado illados como para poder participar. 

En Xeriatría a historia social sempre estivo unida á clínica e, de feito, na entrevista de valoración inicial que se lle fai a un paciente sempre se inclúen cuestións sobre as súas rutinas e a súa situación persoal. "Como agora hai traballadoras sociais nos centros de saúde, estas tamén coñecen as circunstancias de moitos pacientes que viven sos", explica, aínda que admite que pode haber casos que se lles escapen. 

O comportamento dos maiores sos adoita diferir por sexos. Por exemplo, as mulleres tenden a aguantar máis tempo vivindo autónomas. "Se un señor queda viúvo e os seus fillos viven lonxe adoitan decidir que lle convén ir a unha residencia antes que se a que enviuda é unha muller. elas manéxanse mellor en casa e están máis afeitas facerse as cousas", apunta. 

Cuestións como o autocuidado ou o seguimento estrito da pauta de medicación depende da personalidade e, de novo, de onde vivan. Hai maiores organizadísimos por tradición e hainos que se saltan tomas. "Agora algunhas farmacias envían a medicación a casa e iso tamén pode ser un nexo cos maiores que viven sos", di.

Comentarios