Serrano explica os motivos da súa dimisión: "Un non é Deus"

O alcalde de Portomarín explica os motivos da súa renuncia: "Estaba falado"
Juan Serrano. AEP
photo_camera Juan Serrano. AEP

O alcalde de Portomarín, Juan Serrano, que presentou a renuncia ao cargo "por motivos persoais", asegura que se marcha "coa satisfacción" de poder executar o seu "proxecto para o pobo" e disposto a seguir "nunha segunda liña" para tratar de cumprir os seus "compromisos" cos "veciños e amigos".

En canto á súa renuncia, Serrano recoñece que "na súa contorna estaba falado", porque, aínda que seguiu "catro anos máis", el concibía o seu "proxecto político a oito anos". Agora, considerou que era momento oportuno para "dar o paso" e non verse "na mesma tesitura dentro de ano e medio".

Tamén explicou que aprazou a presentación da renuncia polos "congresos rexional e provincial", pero agora o Partido Popular "queda completamente renovado", con caras "novas", e considerou que chegara finalmente o momento de deixar a Alcaldía.

 

Aínda que recoñeceu que durante os seus anos como alcalde se dedicou "coa mesma intensidade" ao Concello e á súa empresa, Serrano dixo que agora, "por circunstancias" relacionadas coa "súa vida persoal", a súa negocio "require agora de máis atención". "Un non é Deus. Os anos van pasando e os obxectivos van cambiando", aclarou.

Con respecto ao seu sucesor, o tenente de alcalde, Pablo Rivas, dixo que é unha persoa "cunha nobreza extraordinaria, leal, preparado e intelixente", que vén "dunha familia traballadora, honrada e moi apegada ao medio". Ao seu xuízo, reúne as "calidades que ten que ter un político", polo que confía en que, logo deste mandato, teña o favor dos seus veciños e a "oportunidade de demostrar o grande que é".

Comentarios