O Seprona toma declaración a Arias tras o seu disparo accidental a un porco celta

O alcalde de Castroverde confundiu ao animal cun xabaril

Xosé María Arias. SEBAS SENANDE (AEP)
photo_camera Xosé María Arias. SEBAS SENANDE (AEP)

O alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, prestou declaración ante axentes do Seprona despois de abater accidentalmente durante unha xornada de caza a un porco celta ao confundilo cun xabaril.

Ao parecer, Arias atopábase cazando coa súa cuadrilla cando disparou a un animal pensando que era un xabaril. Con todo, cando os cazadores chegaron xunto á peza, descubriron que se trataba doutra raza.

Arias cualificou o sucedido como "un erro" pero asegurou que todo está "en regra". "Eu expliquei o que había. Que foi nun acto regrado de caza. Había uns xabaríns, saíu un, despois un animal atacou a un dous cans, disparámoslle e ao chegar alí vimos que non era un xabarín e era un porco doutra raza", explicou o rexedor.

"Despois houbo a denuncia dun particular, alguén descoñecido, parece ser. Esta denuncia chegoulle a Libera -unha asociación animalista-, que á súa vez presentou unha denuncia ante o Seprona", indicou o alcalde castroverdés.

O rexedor insistiu na imposibilidade de determinar con antelación se o animal en cuestión é un xabaril ou non. "No momento ves dous animais moi similares, non pensas que pode ser outro bicho. Entón no momento que sae, disparámoslle varios e deuse a casualidade de que quen lle deu fun eu. Despois xa vimos que non era un xabarín, de sabelo evidentemente non disparariamos", comentou Arias.

O rexedor socialista indicou que "a proliferación de animais soltos e de cruces que se soltan" provoca que este tipo de incidentes poidan chegar a repetirse.

"Eu non estou preocupado porque a cuadrilla está en regra e todo o demais tamén. Foi só un erro", concluíu Arias.