Rouban nun despezamento de Melide un coche e aparece calcinado en Guntín

Os propietarios valoran as perdas causadas en máis de 6.000 euros. Os ladróns forzaron ademais outro vehículo
El vehículo calcinado. EP
photo_camera O vehículo calcinado. EP

Desagradable sorpresa levaron os propietarios dun despezamento de Melide ao chegar o pasado luns ao seu establecemento e comprobar que lles faltaba un dos coches que tiñan á venda no exterior do local. Pero o desgusto foi moito maior cando este venres, catro días despois, a Garda Civil avisounos de que o vehículo aparecera totalmente calcinado en Guntín, a 30 quilómetros de distancia.

O roubo produciuse previsiblemente o fin de semana pasado, segundo comenta a dona do despezamento, quen valora as perdas en máis de 6.000 euros. "O coche que levaron era un Seat Leon FR de cor negra. Tiveron que collelo o sábado ou o domingo, pois nós notamos a falta cando chegamos ao negocio o luns pola mañá", explica, á vez que comenta que os ladróns tamén intentaron levar outro vehículo de características similares. "Tiña as pechaduras rebentadas e faltáballe o sistema antiroubo", remarca.

A propietaria sinala que rexenta o negocio desde hai máis de 30 anos e non é a primeira vez que sofren un suceso similar. "Hai anos tamén nos roubaron dous coches e apareceron nunha finca de millo en Palas de Rei, outra vez outro vehículo foi a parar cerca de Santiago... Pero é a primeira vez que nos aparece totalmente destrozado", di con impotencia.

Tras interpor a pertinente denuncia, a empresaria indica que a Garda Civil ten unha investigación aberta para tratar de esclarecer os feitos.

"Oxalá se saiba o que pasou, e para que usaron o coche, e deteñan aos que fixeron isto. Estamos bastante cansos dos roubos porque levamos moitos anos sacando adiante o noso negocio. Somos xente traballadora e honrada e estas pérdidas fannos moito dano", sinala a muller, quen comenta que "espero que sexa a última vez que pasa algo así, porque cada vez estas cousas sácanlle as ganas de seguir a calquera", lamenta.

Comentarios