Rouban ao Concello friolés maquinaria e material valorados en 28.000 euros

Os ladróns entraron na nave municipal do recinto gandeiro e fixeron un butrón nun sollado para acceder a un almacén interior. Houbo outro asalto a un restaurante en Outeiro de Rei
Butrón hecho por los ladrones en la nave municipal de Friol. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Butrón feito polos ladróns na nave municipal de Friol. VICTORIA RODRÍGUEZ

A Garda Civil investiga o roubo de maquinaria e ferramentas, valoradas en máis de 28.000 euros, nunha nave propiedade do Concello de Friol, situada dentro do recinto que alberga o mercado gandeiro da localidade. Os ladróns accederon ao inmoble polo portalón de uso peonil, tras rebentar a fechadura cunha pata de cabra de cor vermella, segundo se desprende dalgúns restos deixados no lugar.

Unha vez no interior, os delincuentes fixeron un butrón nun sollado, utilizado para almacenar distintos útiles. Empregaron un trade para facer un buraco rectangular na cuberta de madeira co fin de entrar no departamento inferior, pechado baixo chave, cuxa porta non intentaron forzar. Por ese mesmo oco sacaron o material subtraído.

Os materiais roubados son usados habitualmente pola brigada de obras municipal para executar distintos labores de mantemento. No inventario de pezas desaparecidas, de acordo coa denuncia presentada polo Concello, atopábanse conectores eléctricos de alta tensión, dúas motoserras pequenas e outras dúas de maior tamaño, tres debrozadoras grandes e dúas pequenas, dúas podadoras, dous sopladores da marca Modila, tres derbarbadoras grandes e outras dúas pequenas e unha caixa de chaves Autoclé.

Os delincuentes causaron danos por unha contía aproximada de 1.500 euros ao forzar unha porta e furar un sollado

Os operarios friolenses tamén botaron en falta un equipo de soldadura Modila, dous trades de percusión e outros dous convencionais, dous atornilladores, unha batería de desbarbadora, un rolo de cable de cen metros de lonxitude e dous conxuntos de brocas feitas cun material de aliaxe especial.

Moitos dos equipamentos roubados teñen un prezo de mercado bastante elevado, segundo explicaron fontes municipais. Salvo nalgún caso, o seu peso e as súas dimensións non son excesivas, o que facilitou o seu traslado desde o lugar do roubo ao vehículo usado polos delincuentes para cometer o atraco.

Os ladróns centráronse principalmente en roubar os equipos que estaban baixo chave no interior dese habitáculo, xa que na nave tiñan á vista distintos materiais de menor contía que non espertaron o seu interese.

A reparación da porta de entrada, con desfeitas na fechadura e incluso algunha dos seus partes no chan, custará preto de mil euros. Os danos causados polo butrón valoráronse nuns 500 euros, aclararon desde o Concello friolés. Esta cifra, sumado a custo do material roubado, fai que as perdas totais se acheguen aos 30.000 euros.

O roubo produciuse na madrugada deste mércores, aínda que se descoñece a hora concreta na que sucedeu. O recinto do mercado gandeiro está valado, polo que se supón que os autores do delito saltaron o cercado e sacaron ao exterior as pezas.

O mercado gandeiro de Friol atópase nunha zona situada nos arredores da localidade, o que favoreceu a actividade delituosa. O procedemento seguido neste roubo garda unhas características similares a outros acaecidos en polígonos industriais da provincia.

Nun hostal restaurante uns asaltantes rebentaron a máquina comecartos

EN OUTEIRO DE REI. O de Friol non foi o único asalto ocorrido na madrugada do mércores na comarca de Lugo. O hostal restaurante Soborvila, situado en Outeiro de Rei, tamén foi vítima dos cacos.

Neste caso, os delincuentes foron directamente polo diñeiro en metálico e rebentaron a máquina comecartos para levar a súa recadación, segundo confirmou a este xornal o propietario do establecemento, que non puido concretar con exactitude a cantidade subtraída.

Os ladróns actuaron de madrugada, cando estaba pechada a cafetería, e causaron desfeitas na porta de acceso ao establecemento.

Comentarios