A recollida do vidro volve xerar polémica en Outeiro de Rei

O BNG di que as botellas se apilan ante os colectores e ao Concello non lle consta
Contenedor de vidrio en la parroquia de Cela. BNG
photo_camera Vidro á beira dun colector. EP

O BNG de Outeiro de Rei volveu denunciar deficiencias no servizo de recollida de lixo municipal. Os nacionalistas critican a acumulación de botellas en determinados colectores grises do municipio -os xenéricos-, ao estar os específicos do vidro repletos.

A falta de baleirado dos colectores verdes xa fora denunciada polo BNG en xullo, polo que desde o grupo indican que os problemas coa reciclaxe son continuados, "o que demostra unha falta de compromiso do alcalde, José Pardo Lombao, coa reciclaxe e co medio ambiente", aseverou o portavoz nacionalista, Xosé Ferreiro.

Os nacionalistas critican que estes problemas se repitan tras unha renovación dos camións de recollida "que supuxo un investimento de medio millón de euros", engadiu Ferreiro.

Para o BNG, a acumulación de vidro non é o único problema da recollida, senón tamén "a ausencia de contedores para plásticos". Os nacionalistas levaron unha moción a pleno para colocar máis colectores deste tipo, pero non foi aprobada. "O alcalde preferiu, pola contra, gastar varias ducias de miles de euros en contedores para o lixo orgánico, que xa é reciclado pola maioría dos veciños nas propias hortas", criticou Xosé Ferreiro.

RÉPLICA. O alcalde do municipio, José pardo Lombao, indicou non recibir ningunha crítica por parte dos veciños sobre esta saturación denunciada polo BNG. No entanto, non descarta que se produciu algún problema nalgún punto de recollida.

"A poboación de Outeiro de Rei aumenta constantemente, e polo tanto dende o Concello temos que incrementar de forma parella o número de contedores. Pode que exista algún caso así, e intentaremos arranxar o problema rapidamente. Se nos dixesen onde se produciu esa acumulación, xa podería estar solucionado", respondeu o rexedor.

Comentarios