Rábade celebra 25 anos do Máster de Futbolín cun desfile conmemorativo

Partirá do primeiro bar que tivo unha mesa de xogo ►  O campionato arranca este xoves e rematará o sábado
undefined
photo_camera Acto de presentación do XXV Máster Nacional de Futbolín en Rábade. SEBAS SENANDE

Fixeron falta 3.000 pesetas, dúas testemuñas para a firma do contrato de venda e unha chamada á fábrica Escardibul de Valencia para que o primeiro futbolín chegase a Rábade. Parece moito esforzo, si, pero moi pouco fixo falta para que a afección rápido se estendese pola vila. Toda unha sorte de devotos á mesa de xogo que este xoves conmemoran 25 anos do Máster Nacional de Futbolín cun desfile conmemorativo e batendo récords de participación.

Así o detallou Lolo Candal, da Peña Futbolín Bóla Meiga, quen participou onte no acto de presentación da vixésimo quinta edición do máster, acompañado pola alcaldesa, Remedios González, outros edís e patrocinadores.

"Queremos celebrar o cuarto de século do campionato por todo o alto. Mañá -por este xoves - a partir das 16.30 horas levaremos unha mesa de futbolín a ombreiros desde a praza ata o pavillón do IES Río Miño. Tamén contaremos coa batucada Batu Cadabatú», explicou a alma máter da entidade organizadora. A praza e o pavillón, dous puntos para nada escollidos ao azar. O principio e o fin. Alfa e Omega.

Era na praza onde se atopaba Casa Eliseo, aquel negocio que se converteu nunha sorte de templo sagrado para os que comezaron a acompañar as tardes de feira cunha partida na mesa que mercara o señor Ferreiro -o vello Eliseo- por 3.000 pesetas no ano 1952 á fábrica Escardibul de Valencia e para o que foron precisas dúas testemuñas para a firma do contrato de venda.

"Alí comezou todo. Acórdome de ir a finais dos sesenta co meu tío Regueiro e os seus amigos a xogar. Tiña que subirme a unha banqueta, porque era moi pequeno e non chegaba", conta Candal, que chegaría a ser campión mundial desta disciplina anos despois.

Porque se algo se lle dá ben a Lolo é o futbolín. Moi ben. E non era o único. Algo máxico debeu acontecer para que, tras o peche do bar nos setenta, a vila comezase a encherse destas mesas de xogo. O Losada primeiro, seguindo polo Español e chegando ata o Chaplin nos oitenta, década na que se empezaron a celebrar os primeiros campionatos. No 1998 chegaría o Máster que agora ten como escenarios o pavillón do IES Río Miño, a cafetería Papyrus e o colexio Otero Pedrayo .

"Nunca pensamos que iamos chegar tan lonxe", di Lolo. E que durante este xoves e os próximos dous días, a vila acollerá 567 equipos procedentes de toda España acadando, un ano máis, cifras "históricas" de participación.

En total, repartiranse 15.000 euros en premios e haberá "algunha que outra sorpresa divertida". Toda unha celebración disposta á altura de Rábade, vila que xa se coñece con todo o dereito como a capital mundial do futbolín.

Comentarios