O PSOE do Corgo alerta de deficiencias nas piscinas e insta a reforzar a seguridade

Reclama cambios nas escaleiras de acceso aos tobogáns, separar os dous vasos e máis socorristas

O PSOE do Corgo ve deficiencias construtivas nas recentemente estreadas piscinas municipais e reclama que se emenden con urxencia para reforzar a seguridade. Entre outras medidas, reclama cambios na zona de tobogáns e pide máis socorristas.

Os socialistas presentaron un escrito coas súas demandas no rexistro municipal o luns, apenas uns días despois de que un neno de tres anos fose levado ao Hula tras accidentarse nas instalacións, un contratempo que o goberno local achacou á mala sorte.

A edila do PSOE Marta López Abeledo recalca que, aínda no caso de que as piscinas cumpran as normativas de seguridade, estas parécenlles "insuficientes" e fai fincapé, sobre todo, na zona dos tobogáns. No entanto, reclama unha copia do informe "de Sanidade ou dá administración competente" necesario para abrir as piscinas.

En concreto, os socialistas avogan por substituír "de urxencia" a escaleira de acceso ao tobogán pequeno, ao tratarse dun "elemento de gran risco para vos máis pequenos, pola inclinación tan súpeta e polo"material . Así, din que se instalou unha chapa de aceiro que, ao mollarse, pode resultar esvaradía e provocar caídas e, ademais, pola exposición reiterada ao sol, pode acumular calor e causar queimaduras nos pés.

López Abeledo tamén critica as escaleiras da torre de acceso ao outro tobogán. O PSOE corgués reclama que se instalen gomas ou algún material antiescorregadizo, que se cubran ou protexan as partes cortantes dos bordos das escaleiras e que se tape o oco que as separa da parede.

Os socialistas piden, ademais, unha reixa ou outro sistema máis alto e visible para separar fisicamente o vaso destinado aos máis pequenos da de máis profundidade, ao ver perigosos os pivotes instalados.

PRIMEIROS AUXILIOS. Nese escrito dirixido ao Concello, o PSOE asegura que o día da inauguración, as instalacións non estaban provistas de botiquín de primeiros auxilios nin de material para actuar en casos de máxima urxencia como unha reanimación cardiopulmonal, manobra que houbo que facerlle ao neno accidentado.

Aínda que os socialistas son conscientes de que nestes recintos só esíxese un socorrista, piden que se contrate outro "ou, como mínimo, un monitor de apoio" para reforzar o control na zona de tobogáns, "xa que estes requiren unha atención continua para poder controlar o intervalo de tempo necesario entre os descensos, para evitar accidentes".

Comentarios