Portomarín homenaxea a dúas vítimas de Eta nun acto "de conciliación e reflexión" 

O alcalde Juan Carlos Serrano expresou que se trata "dun acto de unión e o obxectivo é que haxa un recordo do que pasou e que non debe volver pasar"

Adelina Somoza. PEPE TEJERO
photo_camera Adelina Somoza. PEPE TEJERO

O Concello de Portomarín homenaxea este venres a Constantino Gómez Barcia e Adelina Somoza, dous veciños da localidade vítimas da banda terrorista Eta. O acto, aberto á cidadanía, celébrase na Praza da Aviación Española, cunha comida posterior de confraternidade das familias coas distintas autoridades e a corporación municipal. 

Constantino foi asasinado nun ataque terrorista en Guipúzcoa en 1977 e Adelina sufriu graves lesións na explosión de Hipercor no ano 1987 en Barcelona. O alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, expresou que se trata "dun acto de unión e o obxectivo é que haxa un recordo do que pasou e que non debe volver pasar. É un homenaxe á reflexión e á conciliación, non se trata de ferir as sensibilidades de ninguén". 

No acto colocaranse dúas pombas da paz co nome das vítimas, xunto a unha placa conmemorativa. Serrano confirmou que está previsto que asista unha das protagonistas, Adelina, que segue tendo "un vínculo co municipio porque pasa os veráns aquí", concretou. 

"É unha muller que sufriu moito porque no momento do ataque tiña dous fillos pequenos e tivo que sacalos adiante con moito esforzo". A iniciativa naceu en 2014, cando o rexedor recibiu unha carta da familia de Constantino que lle removeu a conciencia e creou unha obrigación de levar a cabo o acto". 

Agora "era o momento de organizalo, porque non podía alargarse máis no tempo", di. 
 

Comentarios