Rábade alenta o festival Entrepontes

A localidade acolle este sábado a segunda edición da cita, na que estarán Lontreira e Berta Franklin
Un momento do acto de presentación do festival Entrepontes. SEBAS SENANDE
photo_camera Un momento do acto de presentación do festival Entrepontes. SEBAS SENANDE

Cando en Rábade gusta algo, gusta ben. Por iso a asociación cultural Fillos do Chaira regresa coa segunda edición do festival Entrepontes, que este sábado converterá a localidade no epicentro da música en galego coas actuacións gratuítas de artistas como Lontreira, Berta Franklin ou Tecor Societário.

Así o detallaron este xoves membros do colectivo organizador nunha rolda de prensa, na que estiveron acompañados do deputado provincial Daniel García, o concelleiro Carlos González e representantes dalgúns dos seus patrocinadores principais. "A todos vós, grazas", comezaba dicindo Alejandro Vilar, secretario de Fillos do Chaira.

Fillos do Chaira financiou parte do festival grazas ao crowdfunding e contou co apoio de negocios da vila, o Concello e a Deputación"

Unhas sentidas palabras de agradecemento que non tardaban en estenderse a todos os rabadenses que, dun xeito ou doutro, axudan a converter o soño do Entrepontes nunha realidade tanxible. "Facíanos falta un pouco de apoio económico e decidimos facer unha campaña de crowdfunding para que o pobo puidese colaborar", explica Vilar.  Marcaron un obxectivo modesto, pero a vila respondeu á altura da ocasión e non tardou en desbordar todas as expectativas. "Duplicaron a cantidade esperada, foi un auténtico luxo", conta.

Esa unión é a semente dun proxecto que medra moito e ben, dando pasos cada vez máis firmes cara a súa consolidación. "Facer unha segunda edición é o primeiro chanzo que hai que superar para poder realizar unha terceira. O certo é que a implicación de todos —en referencia a institucións, negocios locais e veciños—, deunos moitos folgos", apunta Vilar ao tempo que afirma que, polo momento, o principal obxectivo é "marcar a data de celebración no almanaque".

Uns desexos que subscribiu o concelleiro Carlos González, que felicitou aos organizadores por unha iniciativa "espectacular" que recolle o testigo daqueles que nos anos 80 tamén quixeron dinamizar Rábade. "Quero darlle as grazas a Fillos do Chaira por levar a cabo un proxecto que une a todas esas xeracións que tiñan ganas de que a vila volvese a contar cun festival propio. E oxalá sexa así durante moitos anos máis". apuntou.

O programa

O festival Entrepontes conta cunha programación na que, como indican desde o colectivo organizador, os asistentes "non terán nin un minuto para aburrirse". E prometen cumprir, xa que a xornada arrancará ben cedo cunha sesión vermú ás 13.45 horas no campo da feira da vila e que estará a cargo do grupo The Teta's Van.

Ao longo da tarde, desde as 17.00 e no mesmo escenario, desenvolveranse actividades para todos os públicos, como é o caso do obradoiro de cerámica ou animación e pintacaras para os cativos. Ás 19.00 horas terá lugar unha das novidades do festival, a festa Holi, inspirada na celebración indú de primavera que ten a explosión de cores como principal protagonista. E tan só media hora despois, o grupo tradicional A cadela asasina poñerá o punto musical polos bares da contorna.

Xa pola noite, chegarán ata o "emblemático" campo da feira rabadense os platos fortes do festival. Berta Franklin levantarán o telón ás 20.30 e darán logo paso aos leoneses Catalina Grande Piñón Pequeño ás 21.35. Seguiranos Lontreira ás 23.05 e Tecor Societário ás 0.35. O peche poñerao o Dj Marqués de Vilapodre á 1.35 da madrugada.

Entrepontes é un festival completamente gratuíto e contará cunha zona de acampada situada no exterior do pavillón municipal Eduardo Villamarín.

Comentarios