Unha pita do Corgo pon ovos de Pascua

Sucedeu na aldea de Anseán hai unhas semanas
Os ovos xigantes de O Corgo. EP
photo_camera Os ovos xigantes de O Corgo. EP

Polo tempo da Pascua, e coma se fosen ovos característicos deste festexo, unha galiña deixou abraiados aos veciños do Corgo por poñer dous ovos de tamaño dobre ao habitual. Sucedeu na aldea de Anseán hai unhas semanas, onde nunca tiñan oído falar de nada semellante.

Na casa de José López, propietario da pita, notaran que esta "non podía poñer o ovo do grande que era". A sorpresa foi maior ao rompelo, pois primeiro saíron a xema e a clara, intactas, e despois déronse conta de que, dentro dese ovo, había outro de tamaño normal. Cal foi primeiro? Como sucedeu? Xa se sabe que as preguntas á volta das pitas e dos ovos non levan a ningures.

O caso é que a galiña volveu poñer coma de costume, pero hai poucos días o fenómeno extraordinario volveu suceder. Outro ovo xigante, coa casca exterior branca, desbaratou os tamaños dos niños. "Semellan ovos de avestruz", contou López. José inda o ten no frigorífico, á espera de abrilo e ver se, de novo, outro ovo emerxe do interior. 

Comentarios