Patrimonio sancionará a desfeita dunha mámoa en Friol

Foi danada con maquinaria pesada e a multa oscila entre 6.001 e 150.000 euros

La mámoa dañana. EP
photo_camera A mámoa danada en Friol. EP

A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta sancionará a desfeita dunha mámoa megalítica na parroquia de Narla (Friol) cunha multa que oscila entre os 6.001 e os 150.00 euros. A agresión a esta necrópole produciuse con maquinaria pesada e foi denunciada a finais o mes de agosto polo colectivo Patrimonio dos Ancares.

"As máquinas arrasaron máis da metade desta mámoa catalogada, producíndolle profundos buracos na outra metade", lamentou este mércores o presidente Xabier Moure, quen explicou que estes traballos non contaron coa autorización de Patrimonio. "Desde onde constataron que as remocións de terra afectaron tanto ao propio xacemento como ao seu contorno de protección". Por este motivo, a Administración autonómica considera estes feitos como "graves" e xa incoou o expediente sancionador pertinente.

TALLA DE ÁRBORES. Doutra banda, segundo sinala Moure, Patrimonio tamén imporá unha sanción leve (entre 600 e 6.000 euros) á empresa Gas Natural pola talla de carballos na área de protección do castro de Vilar de Ousón, en Becerreá. Esta actuación foi denunciada polos propios veciños "por ocasionarlles unhas perdas considerables, ademais de que a compañía non lles comunicou ningún tipo de actuación nas súas parcelas", critica o presidente de Patrimonio dos Ancares.

Desde o colectivo lamentan que se produzan actuacións deste tipo "cando en moitos casos se fan de xeito premeditado", sinala Moure, quen lamenta ademais que "os responsables serán multados, pero o máis triste é que o mal ocasionado non se pode reparar, perdéndose coa súa destrución unha parte da nosa historia".

Comentarios