Patrimonio dos Ancares documenta dous novos petróglifos en Rebordaos, en Castroverde

Uno de los petroglifos hallados en Castroverde. EP
photo_camera Un dos petróglifos achados en Castroverde. EP

O colectivo Patrimonio dos Ancares acaba de documentar novos petróglifos no municipio de Castroverde, concretamente na parroquia de Rebordaos. Alí, na parte alta e horizontal de pedra, gravouse unha combinación de dous círculos concéntricos cun punto central. A metro e medio desta, esculpíronse tamén tres cazoletas. 

A súa localización foi posible grazas a un documento do ano 1708 facilitado por Hugo Pardo-Viveiro Vilares, no que un antepasado seu, o escribano Joseph Pardo e Viveiro, redacta un escrito a petición duns veciños de Rebordaos e Seres para uso de terreos e regadíos situados na confluencia das dúas freguesías, citando a pedra cos petróglifos, que actuaba como marco, como A Pedra Marcada de Anguieiro, explican desde a entidade. 

Engaden que ambas as combinacións "ao tratarse dunha arte simbólica" de hai máis de 4.000 anos son "de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses". "Quizais delimitasen espazos sagrados ou máxicos relacionados con algún tipo de ritual", aventuran. 

Este é terceiro grupo de gravados rupestres ao aire libre localizados en Castroverde polo colectivo Patrimonio dos Ancares, tras documentar en xaneiro de 2018 unha pedra con coviñas e un cruciforme no monte da Debesa, na parroquia de Páramo, e outra, tamén con coviñas, nas inmediacións do castro de Rebordaos, en maio de 2020.

Comentarios