Pardo de Neyra relata nun libro a historia do Corgo a través dunha saga familiar

O historiador lugués percorre a vida do concello desde o século XV a través da simbólica Casa de Neira, á que perteneceu a súa bisavoa
Xulio Pardo de Neyra. EP
photo_camera Xulio Pardo de Neyra. EP

Iter ad terram Flamosum é o evocador título do novo libro de Xulio Pardo de Neyra, co que alude ao antigo condado de Chamoso, un dos once da Galicia sueva. Este ensaio fala da historia medieval e moderna do Corgo a través da Casa de Neira, unha das linaxes máis antigas do lugar, con referencias a outras familias de renome. "Analizo o percurso da historia do concello a través desta casa, a máis simbólica de San Xoán do Corgo", asegura o autor, vencellado a esta saga pola súa bisavoa. A obra, editada pola asociación cultural Arumes do Corgo, será presentado este venres no Punto de Atención Á Lectura, a partir das 20.30. O autor estará acompañado de Mario Outeiro, que escribiu o limiar, e do antropólogo Lois Ladra.

O libro ten un enfoque curioso. Trátase dun rigoroso estudo histórico e xenealóxico, pero inclúe tamén dúas unidades didácticas, enfocadas para o profesorado, por se os docentes queren usar esta documentación para achegar o pasado do municipio aos alumnos de primaria e secundaria. Pardo de Neyra aporta unha ampla documentación, xunto con imaxes como os daguerrotipos de persoeiros antigos ou fotografías, para sustentar un relato que reflicte "a adaptación á vida contemporánea desta familia, ao que lle dá nome unha Neira, unha muller de Baralla que casa a mediados do século XV con Alonso López do Corgo". A casa torre inicial sufriu mermas, como a perda do propio torreón, co paso do tempo. A publicación afonda tamén na educación de antano ou en aspectos relacionados co patrimonio inmaterial.

Un dos persoeiros claves nesta saga foi o notario Xosé Ramón Freire, que aparece retratado nun daguerrotipo de 1839. Freire, fillo de comercianes de Lugo, vencellouse a unha familia Neira, "absentista, máis preocupada polas apariencias que pola economía, sen procurar que os seus integrantes estudasen se preparasen para ter outro tipo de acomodo social", manifesta Pardo de Neyra. O notario casou unha filla de 12 anos, "nunha época na que as mulleres non decidían, con un Neira que lle levaba 15 anos, e tivo un papel importante á hora de rendibilizar e organizar o patrimonio do seu xenro", indica o historiador lucense. Pese a que a xeanoloxía faise seguindo a liña masculina, o historiador fíxase de xeito especial na historia das mulleres que chegaban a esta casa "e a través delas engarzo aos Neira con outras familias", subliña Xulio Pardo de Neyra.

A idea de escribir esta obra era unha vella teima deste profesor lugués. "Propuxen hai xa tempo o proxecto a un exalcalde e hai pouco máis de dous anos falei con Arumes do Corgo, cuxos responsables amosaron interese e se fixeron cargo da edición do volume".

Os asistentes ao acto de presentación deste ensaio histórico recibirán un exemplar de xeito gratuíto.

Comentarios