martes. 13.04.2021 |
El tiempo
martes. 13.04.2021
El tiempo

O ovni friolés aterra na televisión

El equipo de rodaje en Vilavite, Friol, y Marcelino Requejo. EP
O equipo de rodaxe en Vilavite, Friol, e Marcelino Requejo. EP
O xornalista Lorenzo Fernández Bueno grava un capítulo do seu programa para a canle DMax no lugar onde se produciu o avistamento, do que se cumpren 25 anos esta semana

O suposto avistamento dun ovni en Friol, do que se cumpren 25 anos esta semana, tivo unha gran repercusión mediática. Este fenómeno volverá porse de novo de actualidade a través da grella televisiva. O xornalista e divulgador Lorenzo Fernández Bueno gravou durante a fin de semana no lugar de Ferrerías, pertencente á parroquia de San Pedro de Vilalvite, onde o veciño José Manuel Castro detectou a presenza dunha nave e de extraterrestres con forma humanoide na leira da súa casa o 6 de marzo de 1996. A súa experiencia será analizada nun capítulo da serie ETs, eles están entre nós, que se emite en DMax.

Esta canle televisiva e Volcán Producións gravan esta serie co obxectivo de analizar en detalle aqueles sucesos nos que se detectou a posible presenza de ovnis e dos seus tripulantes en España. O caso friolés é significativo, xa que é un dos poucos onde "a testemuña manifestou que vira extraterrestres", segundo explica o ufólogo galego Marcelino Requejo, que participou no programa para expor os pormenores dun acontecemento que seguiu desde o principio. Requejo recalca que este feito ten similitudes con outro ocorrido na mesma época en Asturias, cando un matrimonio "viu unha nave coa mesma forma, pero non aos seus tripulantes".

O misterio dos ovnis de Friol

A experiencia vivida por José Manuel Castro está relacionada cunha onda de avistamentos de ovnis rexistrada en distintos puntos de Galicia desde decembro de 1995 a mediados de 1996. "Nese período houbo centenares de casos na nosa comunidade, cunha especial incidencia na provincia de Lugo, así como en Asturias, Cantabria e tamén fóra de España", manifesta Requejo, quen precisa que o primeiro deles rexistrouse en As Gándaras, no municipio de Lugo.

A repetición destes misteriosos acontecementos era máis habitual en Galicia hai unhas décadas. "Agora adoitan chegar noticias de casos illados", comenta este ufólogo. Requejo, moi coñecido polo seu labor de investigación, alude ao fenómeno de Friol no seu libro Ovnis, alto secreto, aínda que matiza que o fixo por encima, "porque se trata dun caso que require unha análise extensa, ao estar relacionado con outros. Foi un suceso de gran interese".

"Baixade", gritou o veciño que di que avistou aos humanoides
A primeira reacción do veciño que avistou o ovni foi ir a casa en busca dunha lanterna co fin de observalo con máis detalle, xa que era de noite. "Vin un círculo moi grande, como unha especie de nave que ao chegar ao chan iluminouse. Desprendía unha luz tan forte que alumaba toda a leira", asegurou José Manuel Castro, quen manifestou que da esfera luminosa baixaron cinco ou seis humanoides, aínda que non puido concretar a cifra. Algúns deles "saltaban como monos", comentou, mentres que el gritáballes "baixade, baixade". Así se recollía nunha entrevista publicada neste xornal.

ASUSTADO. Pouco despois, José Manuel Castro acudiu asustado a casa do seu irmán Cesáreo, residente nas proximidades, para que corroborase o avistamento, pero este non lle deu importancia e asegurou que lle parecían unhas luces de discoteca. Xa na súa habitación, un intrigado José Manuel seguiu observando as sombras.

O ovni friolés aterra na televisión
comentarios