Outeiro de Rei aproba un orzamento de 7,2 millóns, un millón máis que en 2018

A oposición, formada por BNG e PSOE, votou en contra ao considerar que as contas se presentan "tarde" e están "claramente infladas"
José Pardo Lombao. XESÚS PONTE
photo_camera José Pardo Lombao. XESÚS PONTE

O Concello de Outeiro de Rei aprobou en sesión plenaria os orzamentos para este ano 2019 que ascenden a 7,2 millóns de euros, un millón máis que no pasado exercicio. O equipo de goberno do PP, que conta con maioría absoluta, sacou adiante as contas en solitario. A oposición, formada por BNG e PSOE, votou en contra ao considerar que chegan "tarde" e están "claramente infladas".

A partida máis importante resérvase para investimentos reais, que ascenden a máis de 3,6 millóns de euros, cantidade que supón a metade do total dos orzamentos. Neste capítulo vólvense a dedicar 1,5 millóns para urbanizar A Palloza, unha actuación sufragada con fondos dos propietarios e que está pendente de executar desde hai varios anos. A consignación destes fondos foi un dos puntos máis polémicos do pleno, pois a oposición recriminou ao rexedor que esta partida sexa "ficticia".

"Son cartos que achegan os veciños, polo que non son investimentos reais. Hai que ter en conta que o alcalde leva engadindo nas contas estes fondos desde hai dez anos e nunca chegan a executarse. O único que se consegue é presentar uns orzamentos irreais", criticou o portavoz nacionalista, Xosé Ferreiro.

O dirixente local precisou que se inclúe esta partida para que o Concello poida actuar se os afectados fan a achega este ano e resaltou que aínda así, descontando ese importe, resérvanse máis de dous millóns de euros para investimentos "unha cifra considerable coa que se potenciarán todo tipo de servizos no municipio e se levarán a cabo melloras importantes", dixo Pardo Lombao.

Entre as obras previstas, o alcalde destacou actuacións de saneamento en catro núcleos, mellora de estradas e camiños, reparación de rúas do centro urbano, actuacións no parque empresarial e unha partida de 80.000 euros para comprar os terreos para un centro de día. "Cabe resaltar que o Concello non pedirá préstamos e seguiremos coa débeda a cero", resaltou.

CRÍTICAS. A oposición recriminou ao goberno local que presentase as contas a metade do exercicio. Os nacionalistas botaron en falta ademais unha partida para a piscina "para mellorar o convenio existente que está deixando sen servizo durante varios días os veciños, ou para facer unha propia". Ferreiro criticou tamén que o diñeiro consignado para mellorar viarios "vaia destinado ao rebacheo no canto de facer actuacións duradeiras con aglomerado en quente".

A portavoz do PSOE, María del Carmen Acacio, afeou ao Concello que entregase a documentación "co tempo xusto, apenas uns días antes do pleno, co que apenas puidemos valoralos". Criticou ademais que o rexedor non respondese a case "ningunha das nove preguntas que levamos".

Convenio para extraer resina no municipio
O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, e a empresa Sinergias Sostenibles Resiforest asinaron este martes un contrato que posibilita a firma a explotación resinera nunha parcela municipal.

Os terreos emprázanse no parque empresarial, nas inmediacións do campo de fútbol. Desde o goberno local indican que a iniciativa xurdiu por mor dun curso promovido polo organismo local durante os meses de marzo e abril que foi impartido pola mesma empresa.

Comentarios