Outeiro lanza un programa cultural, de lecer e deportivo para os próximos meses

O 5 de novembro termina o prazo para apuntarse nas decenas de actividades para todos os públicos que se prolongarán ata maio
undefined
photo_camera Presentación das actividades na casa consistorial. XESÚS PONTE

O Concello de Outeiro de Rei presentou o martes un amplo programa de actividades de lecer, culturais e deportivas para os próximos meses. As propostas estenderanse no calendario ata maio e o 5 de novembro termina o prazo para anotarse.

No ámbito deportivo, ofrecerase fútbol sala dous días por semana, tamén na modalidade biberón. O baloncesto será martes e xoves ás 18.00 horas. Estas actividades celebraranse no pavillón municipal, onde tamén haberá ioga luns e mércores ás 20.00, e pilates os martes e xoves ás 19.00 e ás 20.00 horas. O patinaxe practicarase neste espazo os venres ás 17.00 e ás 18.00, e o tenis de mesa ás 17.00.

O 12 de novembro comeza no pavillón do colexio a actividade de tiro con arco ás 18.30 e ás 19.30. O tenis será os mércores ás 16.30, 17.30 ou 18.30 no club de campo e tiro de Bonxe. Neste lugar ofrecerase BTT os luns e xoves de 18.30 a 20.00. As actividades relacionadas coa auga celebraranse en D10. Serán as de ximnasia de auga, natación e natación infantil.

No ámbito da cultura, no centro cultural ofreceranse aulas de danza moderna os venres de 16.30 a 17.30 para nenos; robótica, os xoves de 15.00 a 16.00 e de 16.10 a 17.10, e tamén haberá unha escola de maxia coa gala final o día 8 de xaneiro. No mesmo lugar levarán a cabo cursos de costura e de bailes de salón.

Nunha das aulas do colexio haberá talleres para nenos de 15.00 a 16.00 os martes e os xoves. Na escola de Matela organizarán manualidades para adultos a partir de 3 de marzo, e o 21 de marzo comezará a restauración de mobles en El Desván de Mamen, en Silvarrei. O Concello tamén programou dúas viaxes, unha a Baiona o 5 de marzo e outra en abril á costa de Viveiro.

Para a promoción da muller realizarase un curso de novas tecnoloxías. O día 25 de novembro haberá un acto con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Para os mozos, a Escola de Música de Outeiro, Rábade e Friol ofrece ata maio clases de diversos instrumentos. Ademais, haberá ximnasia rítmica os mércores de 15.00 a 17.00 no pavillón municipal; preparación do exame de B1 de inglés os sábados de 10.30 a 12.30, taller de coiro os venres de 16.30 a 18.00 e pádel os luns e venres de 17.00 a 18.00 no D10.

Doutra banda, a escola de motociclismo ofrece clases a nenos no circuíto de Outeiro as fins de semana, así como cursos de condución para maiores e adestramentos libres de kart e moto.

Os prezos das actividades municipais oscilan entre os 10 e os 90 euros.

Comentarios