A oposición do Corgo alíase para reclamar unha residencia e un multiusos

O PSOE presentou unha moción para pedir á Xunta que contemple nos orzamentos de 2019 estes proxectos

A oposición corguesa aliouse este martes no pleno extraordinario celebrado na localidade para reclamar á Xunta que contemple nos orzamentos de 2019 a partida necesaria para a redacción dos proxectos para construír, entre outros servizos, unha residencia da terceira idade e un novo edificio multiusos.

A iniciativa partiu do PSOE, que presentou emendas neste sentido ás contas autonómicas, e saíu adiante ao ser secundada polo resto de grupos da oposición (BNG e Demócratas Independentes), porque en conxunto suman maioría na corporación. O equipo de goberno do PP votou en contra ao considerar que carece de fundamento. "Por pedir estamos de acordo, pero hai que facelo de xeito realista; en primeiro lugar habería que saber con que terreos se pode contar para levar a cabo estas actuacións", remarcaron desde o executivo local.

Outras das actuacións que piden incorporar nos orzamentos galegos é o saneamento das parroquias de Queizán e Adai, a humanización do viario LU-521 ou a creación de varias rutas ambientais na localidade. O portavoz socialista, Javier Cerqueiro, lamentou que os populares votasen en contra da súa proposta. "É lamentable ver un grupo de goberno ao que non lle interese que o seu municipio medre, e moito menos se é a Xunta de Galicia a que ten que financiar eses gastos", criticou.

OUTROS ASUNTOS. No pleno tamén saíu adiante por unanimidade unha modificación de crédito de case 30.000 euros para cubrir gastos relacionados con actividades deportivas, actuacións no Ceip, contratar a persoal do servizo de axuda no fogar debido a varias baixas ou cubrir os gastos do centro de saúde e a PAC.

Pola súa banda, o BNG levou unha moción que recibiu luz verde por unanimidade para pedir ao Goberno galego un plan específico de educación para o medio rural. "O continuo peche de escolas, a supresión de prazas e o recorte de recursos están a provocar a desaparición do servizo público de educación no rural", lamentou o portavoz nacionalista Mario Outeiro. Outra das iniciativas presentadas no pleno polo BNG foi instar á Xunta a que solicite ao Estado unha tarifa eléctrica galega para que a comunidade se beneficie, como produtora de electricidade, de peaxes máis baixas e un abaratamento nos prezos. Todos os grupos apoiaron a moción a excepción do PSOE, que se abstivo.

Comentarios