O milagre dos pans e os queixos en Friol

O mal tempo non achica a feira de Friol, que volveu esgotar existencias. O Concello iniciará nos próximos días os trámites para que a mostra sexa declarada de Interese Turístico

El corte de la cinta inaugural a cargo de Tania Pazos, acompañada del alcalde y otras autoridades.SEBAS SENANDE
photo_camera O corte da cinta inaugural a cargo de Tania Pazos, acompañada do alcalde e outras autoridades.SEBAS SENANDE

FRIOL. Coa borrasca Hugo dando aínda as súas últimas rabexadas, o mal tempo causaba onte incerteza entre os produtores —95 queixeiras e cinco panaderías que se instalaron na carpa na que estaba a piques de inaugurarse a vixésimo sexta edición da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá.

Minutos antes de que a mostra abrise ao público eran moitos os participantes que mostraban o seu temor a que a choiva e o frío restase afluencia a esta tradicional cita, pero a medida que foi avanzando a mañá os malos presaxios evaporáronse e en poucas horas esgotáronse as máis de 11.000 pezas de queixo e os 3.500 pans que se puxeron á venda.

«Foron cifras de marca», afirmou ao termo da xornada o alcalde, José Ángel Santos, quen destacou que este ano a oferta de queixos foi a máis ampla de todas as edicións que levan celebrado, «contabamos que se pouxeran á venda unhas 10.000 pezas e ao final foron 11.000. E máis queixo houbera, porque ás dúas dá tarde xa estaba todo vendido».

Entre os produtores que este ano se daban cita na feira había importantes novidades, como a presenza de Casa Zolle, unha quesería que acaba de abrir as súas portas e que onte facía a súa presentación oficial ante o gran público. O seu xerente, Ovidio Zolle, sinalaba que a súa aposta é por un produto elaborado de forma artesanal, «con leite procedente de vaca de pastoreo cen por cen galega». Levaba á feira unhas 300 pezas de queixo semicurado e un novo formato de queixo en barra «pensado para a restauración». A empresa, que supón a creación de cinco novos empregos no municipio, espera alcanzar pronto un ritmo de 120.000 queixos ao ano».

O goberno local iniciará conversacións coa Xunta para tratar a posibilidade dun selo de calidade para o queixo friolés

Luisa Paxaro Vázquez era, pola contra, unha das veteranas da mostra. Leva 10 anos acudindo á feira de Friol e este ano facíao con 65 pezas de queixo semicurado. Outras empresas veteranas que non se perderon nin unha soa edición da cita son Quesería Pacita ou Quesería Conchy. Esta última presentaba os seus tarros de queixo fresco e cremoso.

O pan de Ousá, como non podía ser doutra forma, tiña un papel destacado dentro da carpa. Ángel López Corredoria, de Panadería Vilariño, levaba 500 bolos de quilo, que vendía a un prezo de 2,50 euros e que souberon a pouco, a xulgar pola rapidez coa que vendeu todas as existencias.

Alentador para o futuro da mostra e do sector era tamén a presenza de Tania Pazos Penas, unha moza de 19 anos á que lle correspondeu a honra de cortar a cinta inaugural desta edición. Esta muller pertence á terceira xeración dunha saga de panadeiros de Ousá e o seu obxectivo «é seguir con esta tradición».

Tras o éxito desta edición, José Ángel Santos sinalou que o seu goberno iniciará os trámites para que a mostra sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Así mesmo, adiantou que nas próximas semanas reunirase co xefe territorial de sanidade, co fin de articular unha especie de selo de calidade específico para o queixo de Friol que garanta a procedencia de cada peza.

Comentarios