Susto en Friol ao arder a cheminea dunha vivenda

O suceso produciuse cando pasaban uns minutos das 15.30 horas deste xoves

Un incendio que se declarou na cheminea dunha vivenda unifamiliar, situada na parroquia friolesa de Vilalvite obrigou a mobilizar os bombeiros de Vilalba, que se encargaron da extinción.

A pesar do susto inicial pola cantidade de fume que se produciu, as chamas non chegaron a afectar á cuberta da casa, polo que a familia non tivo que ser evacuada, mentres que os danos materiais foron de escasa consideración.

Segundo sinalaron os bombeiros, o incidente produciuse por mor da acumulación de hollín no conduto da cheminea.

Este tipo de sucesos resulta bastante habitual nesta época do ano. É por este motivo que desde o 112 Emerxencias Galicia recomendan revisar e limpar as chemineas antes de volver acender as calefaccións coa chegada do frío. A sucidade e a acumulación de hollín poden chegar tupir o conduto, co consecuente risco de incendio.

En caso de producirse un incidente destas características e non detectalo a tempo, o 112 recomenda saír da vivenda a gatiñas e a nivel de chan para evitar a nube de fume. No caso de que o lume prenda na roupa dunha persoa, facela rodar polo chan pode servir de axuda. Tamén recomenda que ante o risco de que as chamas poidan alcanzar algún líquido infamable débense aplicar panos húmidos e, por suposto, débese chamar ao 112 canto antes.

Comentarios