sábado. 18.09.2021 |
El tiempo
sábado. 18.09.2021
El tiempo

Un novo mural decorará o interior do centro penitenciario de Bonxe

Javier Rodríguez posa xunto ao mural en Bonxe. EP
Javier Rodríguez posa xunto ao mural en Bonxe. EP
Javier Rodríguez, traballador da institución, é o encargado de realizar a obra. A súa grande afección pola pintura permitiulle encher de arte centros de Palma de Mallorca e Ibiza

Dende moi cativo, Javier Rodríguez mostrou un gusto especial pola pintura e os murais, concretamente polas obras con motivos galegos, o que o levou a presentar varias exposicións na cidade de Ourense. Escolleu o traballo de funcionario de prisións "porque permite ter moito tempo libre para desfrutar dos pasatempos", profesión que desempeñou tamén en Mallorca e Ibiza.

Tras varios anos de labor en Bonxe, o mural xurdiu por iniciativa do propio director do centro, coa idea de decorar a entrada. A súa posta en marcha coincidiu co inicio da pandemia, o que fixo que se aprazase ata este ano. Aínda que conta con todo o apoio e liberdade da institución, Javier quixo dedicarlle durante un mes tempo dos seus descansos para poder rematalo, contando tamén coa axuda de varios internos.

Para el, o obxectivo é "cambiar a idea da prisión, pois pintar unha parede dunha cor máis alegre pode mellorar o estado de ánimo das persoas que están aquí". Ademais, recoñece que é unha satisfacción ver que "é algo que coidan e que fan seu", máis aínda tendo en conta que son persoas que están lonxe das súas familias e "pode axudarlles a facer fronte a esas carencias". Agora, a próxima meta é encher de murais aqueles espazos cos que os internos están máis en contacto, co fin de facer máis agradable o día a día.

"En moitas ocasións parece que se nos esquece que calquera pode ir a un centro penitenciario", declara. Para el, é necesario potenciar os talentos ocultos que poden ter sen decatarse. "Teño coincidido con persoas que non sabían ler ou escribir, pero sen embargo pintaban moi ben", indica.

Do que máis goza no seu tempo libre é do spray, especialmente cando trata temas relacionados coa natureza e os paxaros, como é o caso deste mural en Bonxe. "A arte é capaz de cambiar á xente, pois é a base de todo, e non se trata de ser o número un, senón que o importante reside en ser capaz de comunicar algo".

Ao falar da visión que ten a sociedade en xeral sobre institucións como a de Bonxe, Javier reivindica que "estes centros xa non son os de antes, a xente debe concienciarse de que as persoas que están aquí non perden a motivación de facer as cousas que desfrutan".

Despois de varias décadas dedicadas ao funcionariado de prisións por toda España, Javier Rodríguez segue desfrutando dos murais, e dos paxaros, como o primeiro día.

Un novo mural decorará o interior do centro penitenciario de Bonxe
comentarios