Foxen do Santo Anxo oito menores, a metade dos que había no centro ese día

Oito menores fuxiron á carreira a noite do mércores, tras a cea. Un deles regresou este xoves

Centro Santo Anxo en Rábade. EP
photo_camera Centro Santo Anxo en Rábade. EP

Oito mozos fuxíron este mércores do centro de menores Santo Anxo de Rábade. Os mozos esperaron o momento propicio logo da cea para saír do centro á carreira, polo que unha vez que se deu a voz de alarma xa foi imposible alcanzalos.

Esta fuga masiva, que se produciu cando acaba de iniciarse o curso escolar, supuxo a fuxida de practicamente a metade da poboación interna que había ese día no centro. Aínda que o edificio ten capacidade para albergar ata unha trintena de menores, a día de hoxe as instalacións están ocupadas por só 17, xa que hai un elevado número de internos que aproveitaron os permisos estivais para non regresar.

Dáse a circunstancia de que o mesmo mércores pola mañá, rexistrouse a fuxida doutro mozo, aínda que neste caso foi localizado á primeira hora da tarde dese mesmo día e, posteriormente, retornado ao centro. Non consta que este menor formase parte do grupo que fuxiu posteriormente.

A Garda Civil, Policía Autonómica e Policía Nacional traballaron durante toda a xornada do xoves sen a localización destes oito menores, que se suman aos outros que aínda non retornaron logo dos permisos estivais. Dos oito fuxidos só un retornou ao centro ao longo do día do xoves, mentres que se mantén a procura de todos os demais.

CENTRO ABERTO. Desde a Consellería de Política Social, entidade da que depende o centro de Rábade, reiteran que o Santo Anxo é unha institución aberta para menores con trastornos de conduta pero sobre os que non recaen medidas legais. Este feito propicia que o réxime de internado non sexa tan estrito como noutras institucións de menores, o que en parte pode explicar moitas das fugas que se producen ao longo do ano. A maioría destes casos adóitanse resolver en pouco tempo, ben porque os menores regresan de forma voluntaria ou ben porque son localizados ás poucas horas.

A única medida que se toma contra os menores que se foxen unha vez que regresan ao centro é apartalos das actividades do grupo durante varias horas. Aos internos neste centro de Rábade impártenselles estudos de Formación Profesional ou cursos de capacitación profesional, co obxectivo de ofrecerlles os coñecementos necesarios para facilitar a súa integración social.

Comentarios