Mario Outeiro: "O que tiña que aportar ao Corgo dende o punto de vista da política institucional queda feito"

O mestre corgués deixa o cargo de voceiro municipal do BNG para dirixir o instituto de Meira. Retírase da política institucional tras dez anos de concelleiro e catro de deputado provincial, sabendo que quedan feitas moitas cousas para os veciños e sen ningún reparo en pedir desculpas polas que puideron facerse mellor
Mario Outeiro. EP
photo_camera Mario Outeiro. EP

Mario Outeiro confesa que tivo vocación política dende neno. Antes da maioría de idade xa tiña claro o seu compromiso coa terra e co idioma. Primeiro foi mestre e despois pasou a formar parte das listas do BNG. Durante dez anos traballou como concelleiro polo pobo que di que é a súa paixón: O Corgo. Compatibilizou a política local coa acta de deputado de cultura e turismo durante os catro primeiros anos. Agora, convencido de que xa fixo todo o que podía facer polo seu concello no eido institucional, deixa a corporación para volver centrarse na docencia.

Por que deixa o cargo?
Por varias razóns. Unha porque levo dez anos, e penso que é tempo suficiente para deixar feito un proxecto político. Outra é que desde o día 1 de xullo son o director do IES Pedregal de Irimia, de Meira, e quero dedicarme en corpo e alma ao labor ao que me comprometín coa comunidade educativa. E por último porque o Bloque é un partido que ten moita canteira, e sei que hai xente que o vai facer moi ben. Se non fose así seguiría, pero teño a seguridade de que o BNG do Corgo queda en boas mans.

Trátase dunha retirada definitiva?
Non é unha saída da política, pero si da parte máis institucional. Seguirei militando no BNG a nivel comarcal, e desenvolvendo tarefas internas e a nivel orgánico.

Vaise cansado?
Non, o que pasa é que sería moi complicado compatibilizar as dúas cousas. Fai seis anos retireime da Deputación porque tiña dous nenos que me requirían unha maior dedicación. Pois agora, ademais de a eles, voulle dar esa dedicación máis grande á parte docente. Ademais vou seguir na xunta directiva de dúas asociacións culturais do concello, Arumes e o Centro de Estudos do Corgo, e empecei fai un ano unha investigación para realizar unha tese doutoral. Cansado non, pero sería imposible compatibilizar todo ese traballo e facelo ben. Son múltiples factores que van sumando e ao final cando abres novas frontes tes que ir pechando outras. Eu considerei que o que tiña que aportar ao Corgo dende o punto de vista da política institucional xa estaba feito.

Como foron os inicios, difíciles?
Foron anos magníficos. Tamén foron duros porque ao mesmo tempo tomei posesión como concelleiro e como deputado. Verme nun pleno da Deputación con bastante público e con políticos moi experimentados impoñía moito. Tiven que poñer as pilas porque digamos que non era o ambiente para saír coa L de novato nas costas.

Que logros o enorgullecen máis?
Na Deputación téñoo bastante claro. Recuperamos a colección de ourivería de Álvaro Gil. Foi algo que me deu moito traballo e ocasionoume moitos disgustos. Houbo moitas negociacións na sombra. Todo o proceso tivera bastante relevancia no seu momento, a sinatura final para min significou moito. En canto ao concello, son moitos anos de traballo do partido que máis ideas levou aos plenos. Por un lado o tema da recollida do patrimonio inmaterial que se está facendo. Aínda que me dá moita mágoa que non se realizara hai cinco anos, cando se aprobou, porque moita información xa se perdeu. Na parte máis material o viveiro de empresas, que agardo que teña moito éxito no futuro. Despois de varias décadas perdendo poboación hai que mimar a rapazada, para que queden hai que ofrecerlles oportunidades e nisto poden ter unha.

Deixa algunha conta pendente?
É certo que moitas propostas, aínda que conseguimos que se aprobaran, non se executaron. Faltaríame ver construídas unhas vivendas sociais para a xente nova, iso si que me dá pena. Gustaríame que se fixese e rápido, para darlle unha posibilidade aos mozos sen que teñan que ir a Lugo.

Que foi o máis importante que aprendeu nesta última década?
Que a política é un labor no que temos que participar todos e todas, non hai unha clase política distinta da xente normal. Aprendín a facer unha oposición construtiva porque foi o que mamei, foi o que fixen e é o que deixo. Coñecín xente moi interesante, xenerosa, activa, implicada. Vin que se pode rivalizar na ideoloxía, pero que despois hai un factor humano moi importante. Eu levo moitos amigos independentemente do partido político ao que pertenceran. Para min esa é unha das cousas máis importantes. Voume encantado de ter participado na política institucional, porque na outra... eu son un animal político e na outra vou estar metido sempre.

Comentarios