viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

María José Gómez: "Cando o empregado da gandería ten o día libre tócame muxir as vacas"

María José Gómez. VICTORIA RODRÍGUEZ
María José Gómez. VICTORIA RODRÍGUEZ
Compaxina o seu traballo como xefa territorial de Cultura da Xunta coa alcaldía de Guntín, a atención ás súas fillas e, a maiores e bota unha man na explotación agraria dos seus pais

A XORNADA de María José Gómez é maratoniana. Érguese ás seis da mañá e non para. "Son días moi longos, nos que funciono como un todoterreo. Vou á Delegación da Xunta e veño polo Concello. Ata as catro e media ou cinco da tarde non deixo a alcaldía. Fago un xantar merenda", explica. A súa axenda no remata aí. Leva as súas nenas a actividades e aproveita para estar con elas se non ten que atender a veciños ou acudir a reunións. Na casa dos seus pais, onde vive, hai gandería e traballos que facer. "Cando o empregado ten o día libre, tócame muxir as vacas", comenta. Son case 18 horas sen respiro.

Cre que se trata de xeito diferente a unha alcaldesa que a un alcalde, polo feito de ser muller?
Non sei como tratan a un alcalde (ri). As persoas comportámonos na vida dun xeito determinado, acorde coa nosa forma de ser e a nosa educación. Nunca me sentín discriminada, nin excluída, nin pensei que se me esixa máis por ser muller. A miña nai conducía o tractor ou recollía a herba igual que o meu pai. Outra cuestión distinta é a dificultade para conciliar. Como nai síntome responsable se os compromisos de traballo me quitan de estar coas miñas fillas á hora de cear ou no seu cumpreanos. Aínda que os pais as atendan, as nais actuamos dun xeito distinto. Non podemos evitar esa percepción.

Pero na política, como noutras actividades, hai unha maior presenza de varóns...
É un oficio masculinizado. Esa é a tendencia histórica, pero cada vez hai unha maior paridade. As mulleres gañamos terreo, como sucede noutros campos.

Cambioulle moito a vida pola súa actividade política?
Cando era profesora de secundaria tiña as mesmas vacacións cás miñas fillas e pasaba as tardes con elas. Agora non sempre podo. Na alcaldía non hai horarios. Levo tres anos na xefatura territorial de Cultura, sen contacto cos estudantes, pero o ensino é unha profesión vocacional e bótoo de menos. Apenas hai diferenza no trato cos adolescentes nun instituto ou con adultos. Ao final trátase de axudar. Como profesora quería conducir os meus alumnos a unha meta. O camiño no Concello é o mesmo. Ás veces as cousas non che saen como queres, pero procuro poñer toda a vontade.

"Non hai tanta diferenza en tratar con adolescentes nun instituto ou con adultos. Ao final trátase de axudar"

Vostede está na política cercana, no día a día do pobo, e na política de despacho na Xunta. En que espazo se sinte máis cómoda?
Estou a gusto muxindo as vacas ou compartindo mesa co presidente da Xunta ou cun conselleiro. Considérome unha persoa humilde e traballadora. Máis que a política con maiúsculas, gústame resolver os problemas da xente, aínda que sexa un pouco frustante non poder cubrir todas as necesidades dun concello con poucos medios, pero extenso, como Guntín. Hai moitas pistas e moitos puntos de luz. Facemos un esforzo para prestar servizos gratuítos na procura de ter a mesma calidade de vida que nunha cidade. Son cousas que os veciños valoran.

Non considera máis difícil a vida nun concello rural?
Cando estaba no instituto de Monterroso, a veces reflexionabamos se os nenos rurais teñen menos opcións, pero as diferenzas cos que viven na cidade son cada vez máis pequenas. O importante é propoñerse unha meta e tratar de chegar a ela. A miña aposta sempre foi vivir no campo. Son profesora de Inglés e moitos compañeiros de promoción marcharon fóra de Galicia, pero eu sempre me sentín vencellada a Vilameá, a miña parroquia. Nunca foi unha opción irme.

Ten algún proxecto en mente para asentar veciños no municipio?
A apertura do Punto de Atención á Infancia en febreiro facilitará a conciliación. Tamén temos unha escola de música e escolas deportivas gratuítas para que os veciños non teñan que ir a Lugo. O que me preocupa é crear emprego. Rebaixamos un 95% o imposto de obras e construcións para facilitar a ampliación da rede comercial ou a implantación de empresas. Outro obxectivo é a aprobación dun Plan Básico Autonómico, xa que non temos cartos para un Plan Xeral, co fin de axilizar os trámites a quen queira facer unha casa en calquera parroquia.

Malia ás melloras nos servizos, non é fácil asentar poboación.
Xunto co traballo, as oportunidades ou a formación, o punto de inflexión que che fai permanecer no teu pobo é o amor que che inculque a familia por manter eses lazos coas túas raíces. Eu trato de incurcarlle ese sentido de pertenencia ás miñas fillas. Hai xente á que non lle gusta levar os nenos á corte do gando, pero eu lévoas a veces comigo cando lle dou de comer ou muxo as vacas, como facían meus pais comigo. De calquera xeito, Guntín é un sitio privilexiado. A súa cercanía a Lugo dáche a opción de traballar na cidade e vivir no campo.

Leva seis meses como rexedora, pero como se ve dentro de dez anos? Aguantará este ritmo?
Fago cousas que me gustan e cando acometo unha tarefa quero facela ben. Co paso do tempo véxome de novo de profesora de Inglés e, se os veciños de Guntín queren, compatibilizando o ensino coa alcaldía.

MOI PERSOAL "Se non fixera Filoloxía, estudaría Arquitectura"
Cal é a súa materia pendente?
De non ter feito Filoloxía, inclinaríame pola Arquitectura.Os temas de patrimonio interésanme moito.

Unha data que lembre con especial agarimo.
Teño moitas: o día que aprobei a oposición, o da miña voda ou cando naceron as miñas fillas.

Cales son as súas vacacións ideais?
Case non teño vacacións. Como moito collo unha semana e sempre escapo a destinos de sol e praia.

O seu lugar preferido.
Unha praia con pouca xente.

Un autor literario.
Charles Dickens. Gústame a literatura inglesa do XIX e mesmo na oposición me tocou un tema sobre a Revolución Industrial.

Unha película.
Ultimamente só vexo filmes para nenos. A última que vin para maiores foi ‘Downton Abbey’.

Ten algunha afección?
A lectura, pero teño pouco tempo.

Con que político compartiría sobremesa?
Con Mariano Rajoy, para que me contase pormenores da súa experiencia de Goberno.

Unha cor.
O azul.

Un sabor.
O café, que me fai arrancar todas as mañás. E os pementos de Mougán, por suposto.

María José Gómez: "Cando o empregado da gandería ten o día libre...
comentarios