"Máis aló do ensino, tratei de inculcarlle aos estudantes que fosen boas persoas"

Asunción López Franco, directora do CPI Doutor López Suárez de Friol, xubilouse hai dúas semanas despois de dedicar 22 anos ao ensino neste concello
Asunción López Franco. EP
photo_camera Asunción López Franco. EP

Pode resumir a súa vida profesional? En que centros estivo?
Fun profesora na Fonsagrada, Mondoñedo e Lugo, pero escollín o destino definitivo en Friol porque o meu marido é de aquí. Tamén me sinto unha veciña máis. Cheguei ao ano seguinte da creación das instalacións de secundaria e durante nove anos fun xefa de estudos e directora outros nove.

Ensinou a pais e despois aos fillos ao longo deste longo periodo?
Déronse varios casos. Antigos alumnos envían agora os seus fillos ao colexio. Nos últimos anos impartín clases en secundaria, polo que hai nenos de exalumnos que non chegaron ao meu curso.

Que supuxo para vostede contribuír á formación dos nenos do seu municipio de residencia?
Para min é un orgullo axudar a formar varias xeracións de homes e mulleres de Friol que traballan en diferentes eidos, dende a medicina ou o xornalismo ao medio rural. Máis alá do ensino, sempre quixen inculcarlle aos nenos que fosen boas personas. Ao xubilarme experimentei emocións encontradas, pero reconforta recibir o cariño de xente que me felicita polo meu labor. Vellos alumnos aínda me chaman xefa.

Conserva algunha anécdota especial deste período?
Moitas, pero quedoume a sensación de que na miña época de xefa de estudos os nenos me vían coma se tivese máis autoridade.

Resulta máis difícil dar clase nunha cidade ou nun concello rural?
Os colexios das cidades son máis complexos. É máis doado ensinar en pobos pequenos. As familias de Friol son moi colaboradoras e temos un alumnado moi sano.

Tamén impulsaron desde o centro un club de atletismo.
Si, Está moi arraigado e os mozos seguen competindo despois de deixar o colexio.

Comentarios