Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

A tradicional festa do pemento de Mougán celebra unha nova edición

Festa do pemento de Mougán. EP
Festa do pemento de Mougán. EP

Despois de conseguir a Denominación de Orixe da Unión Europea, este manxar verde segue ao pé do canón. É hora de explicar de onde ven ese especial sabor

O pemento de Mougán é único ou iso din todas aquelas persoas que o cultivan durante un ano para que chegue, e se pode ser que sobre, na Festa do Pemento que se celebrou este sábado na localidade guntinesa. Despois de tantas edicións xa se debe falar de algo máis que do sabor, a sal ou o aceite.

O picor desta verdura é distinto en cada zona, algúns poden abrasar o padar e outros fan pasar só un mal rato. Os de Mougán teñen un leve picor, pequeño, pero suficiente como para dar medo á hora de escoller o seguinte.

A celebración este ano comezou pasada a unha da tarde, cando o aceite comezaba a quentarse e a xente xa se arrimaba á barra para combater a calor.

Alguén de arredor comentaba que "hai que ter moito valor co sol que está caendo a estar aí, cociñando".

Son estes rincóns onde mellor se entona a festa, xúntanse os que escoitan cos que falan, arredor dos contos e dos pementos. Unha señora comentaba que "o viño mellor entra cunha destas tapas", pero os platos que ían saíndo chegaban cargados e, en cuestión de minutos, ficaban vacíos.

Este manxar forma xa parte da lista de máis de 1.250 de nominacións xa protexidas pola lexislación europea

"Por aí ofrécense pementos de todos tipos, hai quen os vende ca nosa etiqueta sen ser da zona, a nosa é Denominación de Orixe. Logo están os que suben pementos de Murcia ou Marrocos, o de Mougán é de Mougán e só se pode dar aquí. Nin sequera os que son dunha esquina da leira saben igual cos da outra", queixábase un dos produtores ante as polémicas arredor das denominacións de orixe.

As persoas seguían chegando e concentrándose baixo a sombra da carpa. Algunhas das asistintes renunciaban a ir á praia polos pementos, outros levaban sen comelos toda a semana para onte comer a encher. Para aqueles que dudaban sobre cal de todos os do plato escoller, un home cercano advertía: "O pemento só necesita sal e aceite quente, logo para poder escollelos sen que piquen tes que mirar. Os máis brillantes e verdes, que non se lles levanta a pel, eses pican. Ou case todos vaia, algún pode ser que non. Pero o meu ollo non soe fallar".

PRODUTORES. Antes de que comezase o pregón, o presidente dos produtores José Luís López deixaba algunha pista sobre o pemento de Mougán. "É o de sempre, hai pouco porque fai tres semanas que caeu a última pedraza e levou todo por diante. Ademais o tempo non axudou, pouco sol e tanta auga...", explicaba entre os seus compañeiros.

En presencia de tanto experto do pemento, era necesario saber por qué esta especie non chega a poñer en apuros ao que ten pouco tino para escoller.

"É todo pola auga, según como se críen. Canta máis auga, menos picor. Non hai máis", sentenciaba un produtor.

EXPERIMENTO. "Intentamos cambiar o pemento xeneticamente, levámolo a un laboratorio para ver se podíamos reducir o picor. A primera remesa saiu boa, non picaban para nada, pero a segunda... Aquilo parecían guindillas. Decidimos deixalo como estaba", concretaba outro, revelando así co picor do pemento é o de toda a vida.

Despois de debatir en Bruxelas sobre certificado que ampare o pemento de Mougán como un produto de Denominación de Orixe e conseguilo, a vila máis que nunca debe conservar a tradición e o sabor, "a ver quen os recolle" dicían algúns. Este manxar forma xa parte da lista de máis de 1.250 de nominacións xa protexidas pola lexislación europea.

PREGÓN. Esto lembrábao a pregoeira deste ano, a xefa do Servizo de Coordinación da Área Cultural na provincia de Lugo, María José Gómez Rodríguez. No seu discurso, admitiu que "ningúen é profeta na súa terra e que ela xogaba na casa", ao que engadiu que pode asegurar que "non hai guntinés ou guntinesa que non teña unha plantiña aos pés da casa ou nunha hortiña".

Sobre como veu parar esta especie orixinaria de América ata estas terras de Guntín, sábese o que a tradición oral se encargou de transmitir de xeración en xeración, que os monxes que no seu día había en Mosteiro, nunha das súas viaxes a México trouxeron esta planta, que recibiu o nome de pemento de Mougán.

O que está claro é que para vir á festa só hai que facer o que dixo un home naquela barra: "Perder un quilo e hoxe coller tres".

A tradicional festa do pemento de Mougán celebra unha nova edición
Comentarios