Abandonan en Rábade oito cachorros dentro dun saco ao pé das vías do tren

As cativas de can mostraban síntomas de deshidratación â?? A clínica Chairegos fíxose cargo e busca dalos en adopción

A policía local de Rábade recolleu o mércores ao pé das vías do tren un total de oito cativas de can abandonadas. Os cachorros, que estaban dentro dun saco pechado a plena luz do sol, presentaban evidentes signos de deshidratación, aínda que non morreu ningún deles. A clínica veterinaria Chairegos acolle agora á camada, á espera de que se recuperen e poidan ser adoptados.

A chamada de varios veciños alertando da presenza dos animais, así como dos servizos de urxencia, motivou ao corpo de policía a desprazarse ata as inmediacións da Rúa Breogán —onde se sitúan as vías do tren—. Alí, os axentes atopáronse cun saco pechado do que procedían ladridos e gruñidos. Dentro del descubriron un total de oito cativas de can en evidente estado de deshidratación.

Cada certo tempo hai algún caso parecido, é unha vergoña que se traten así aos animais

A policía local trasladou a camada ata as instalacións da clínica veterinaria Chairegos, que procurou estabilizar aos cachorros refrescándoos e dándolles para comer. Aos poucos, como explicou o dono do centro, Breixo González, os animais foron recuperando o ánimo e as forzas. "Trátase dun grupo de cachorros dun cruzamento de razas de pastor, duns dous meses de idade, que medrarán ata un tamaño medio e que aínda están pendentes dunha valoración veterinaria completa", explicou.

FAMÉLICOS. Os oito cachorros conseguiron sobrevivir á intemperie un número indeterminado de horas. Un deles, segundo comentou Breixo González, presentaba unha pata rota, pero máis aló da deshidratación e "unha fame voraz", non atravesaron máis problemas. Ao longo do día do mércores, os traballadores do centro intentaron devolver a niveis aceptables o estado anímico e de saúde das oito cativas de can. A pesar de todo, a maior parte da xornada pasárona recuperando horas de soño.

A clínica Chairegos busca agora a colaboración cidadá para atoparlles un fogar aos cachorros. Calquera interesado pode achegarse ata as instalacións do centro na localidade de Rábade, en Gabriela Neto Chaín, número 20, ou contactar co número de teléfono 982.87.11.03.

QUEIXAS VECIÑAIS. Varios veciños da zona na que apareceron as cativas de can manifestaron o seu descontento pola situación. Denunciaron varios casos nos últimos anos, que se incrementaron durante os meses de verán, e reclamaron ás institucións a súa intervención para evitar "que isto vaia a máis". "Cada certo tempo hai algún caso parecido, é unha vergoña que se traten así aos animais", comentou un veciño.

Con todo, desde a propia clínica veterinaria puntualizaron que este tipo de casos non son demasiado frecuentes na localidade. "Non intervimos demasiado ultimamente, por sorte", comentou o dono do centro.

Comentarios