Labajjo Grandío será enterrado este mércores no cemiterio de San Froilán

Os restos do pintor recibirán sepultura catro meses despois de que o seu cadáver fose achado na súa casa de Friol
Alfredo Labajjo Grandío. J.VÁZQUEZ
photo_camera Alfredo Labajjo Grandío. J.VÁZQUEZ

Case catro meses despois de que o seu cadáver fose atopado na súa casa da parroquia de Vilafiz, en Friol, os restos do pintor Labajjo Grandío recibirán por fin sepultura este mércores, nunha cerimonia que se celebrará na intimidade familiar no cemiterio lucense de San Froilán.

Alfredo Labajjo Grandío, de 80 anos, vivía en condicións de extrema soidade en Vilafiz, onde o seu cadáver foi atopado o pasado 7 de outubro na leira na que vivía, á entrada da súa casa. As alimañas devoraran gran parte do seu corpo, que se supón que levaba á intemperie no monte ao redor de quince días.

As condicións nas que se atopaba o cadáver fixeron moi difíciles a súa identificación e o caso foi asumido polo xulgado, que en principio o tratou como unha morte violenta. Ata agora estaba á espera de recibir os resultados da autopsia que, por un lado, confirmasen a identidade dos restos e, polo outro, descartasen indicios dunha morte violenta con intervención de terceiras persoas. Polo que parece, o xulgado recibiu xa eses informes e deu permiso á familia para que dispoña dos restos do pintor e por fin poida darlles sepultura.

Labajjo Grandío foi un dos pintores máis persoais e indómitos do último medio século en Lugo, un artista primitivista cunha temática moi pegada ao rural.

Comentarios