Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Jesús Abuín: "Todo o que deixo feito en favor do Corgo é o traballo de máis dunha vida e media"

Jesús Abuín Arias. AEP
Jesús Abuín Arias. AEP

O recentemente nomeado fillo predilecto e cronista oficial da localidade recibe esta distinción como un recoñecemento a súa traxectoria vital

Jesús Abuín é todo humildade. Aos seus 85 anos —cumpre 86 a finais de decembro— vén de ser nomeado Fillo Predilecto e cronista oficial da súa vila natal. O seu espírito mozo non lle é indiferente a ninguén. Pasou media vida entre O Corgo e A Coruña, onde traballou case corenta anos como delineante. Iso si, a Jesús véñenselle as bágoas aos ollos ao lembrar as primeiras brincadeiras na súa terra. Daquela corría polo Corgo adiante e comezaba a interesarse por algo que o mantería ocupado gran parte da súa vida: a heráldica.

Con cantos anos comezou a realizar as súas primeiras investigacións?
Pois un pouco antes dos 20, aló polo 1950. Aproveitaba as vacacións da miña etapa de estudante no instituto Masculino de Lugo para botar horas lendo e vendo debuxos nos libros. E mira que eu nunca pensara en interesarme por esas cousas antes.

De onde xorde logo toda esa iniciativa de realizar tantos estudos e traballos sobre a heráldica na súa vida?
O certo é que eu non tiña noción ningunha sobre heráldica nin nada que se lle parecera, non sabía nin o que era. O interese veume a partir do lugar onde me criei. A casa da miña nenez e xuventude tiña unha gran cantidade de símbolos e escudos, e eu outra cousa non, pero curioso... Un achegado ao que lle preguntei foime contando cousiñas e pouco a pouco fun gañando interese. Visitei moitas bibliotecas e fun mercando libros con moita información sobre a materia. Ao final acabei inmerso na heráldica e realicei unha gran cantidade de estudos e traballos sobre ela.

Desfrútao?
Moito, abofé! Comezou como unha maneira de pasar o tempo, pero ao final era unha das cousas que máis me enchía ao longo do día. Entreterme a min mesmo foi sempre a miña maior motivación. Un dos traballos máis extensos que deixo escritos é o estudo da xenealoxía de case unha vintena de familias do Corgo, no que me remontei ata os séculos XVII e XVIII.

Que necesitou para desenvolver ese estudo?
Moito tempo e paciencia, que non é pouco. Xa digo que este tipo de estudos non se fan a todo correr e necesitan dunha metodoloxía moi coidada. Tiven que ir aprendendo moitos detalles e recompilando unha gran cantidade de información antes de poñerme mans á obra. Houbo varias ocasións nas que tiven que borrar todo e comezar de novo por algún erro. Calquera detalle pode condicionar o produto final.

Foi unha  iniciativa propia a elaboración do escudo do Concello do Corgo?
Foron os veciños quen acudiron a min para que acometera os deseños do escudo. Dicían que eu era o que entendía, así que que lles ía dicir. Realicei varias propostas ata chegar ata a que finalmente se aprobou. O procedemento foi semellante ao caso do estudo sobre as familias do municipio. Informeime moi ben sobre a historia antiga da localidade e tiven moi en conta o presente da vila naquel momento.

A día de hoxe segue tan activo con respecto aos estudos?
Non, deixeino de lado case totalmente hai uns seis ou sete anos. Os anos nótanse e a vista xa non é o que era, por moito que nos guste enganarnos. É que che son bastantes anos! A un xa non lle dán os ósos e o corpo para botar as horas enriba dos libros. Ou sexa que agora dedícome a ir e vir da Coruña. Vivo en vacacións permanentes, pero tampouco me aburro demasiado.

Como recibiu a proposta de ser nomeado Fillo Predilecto e cronista oficial do Corgo?
A dicir verdade, eu non procuro nin busquei xamais recoñecemento ningún. Deixo feito o traballo de máis dunha vida e media en investigacións sobre O Corgo, a súa historia e a dos seus veciños, pero non sinto a necesidade de considerarme ninguén especial respecto aos demais. Xa sempre o dixen, para pasar ben a vida hai que ser espléndidos e facer amigos en todos os sitios que poidas. Traballei na Coruña como delineante dende que era novo ata que me xubilei, pero sempre que puiden volvín aquí, que é onde teño a miña casa e a miña vida. Satisfeito non é a palabra, eu só fixen o que me gustaba. E, vaia, cada un ten que dedicarse ao seu.
 

Jesús Abuín: "Todo o que deixo feito en favor do Corgo é o traballo...
Comentarios