Javier Losada pedirá a Cultura que free a deterioración da igrexa de Vilabade

O alcalde trasladoulle a súa preocupación pola "grave deterioración" da edificación "por causa das filtracións de auga"

Iglesia de Vilabade (Castroverde). J. VÁZQUEZ
photo_camera Igrexa de Vilabade (Castroverde). J. VÁZQUEZ

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, pedirá ao Ministerio de Cultura que realice as actuacións necesarias para frear a deterioración que sofre a igrexa de Santa Martía de Vilabade, en Castroverde, por mor das humidades.

Javier Losada visitou o templo acompañado do alcalde de Castroverde, o socialista José María Arias, que lle trasladou a súa preocupación pola "grave deterioración" que está sufrir a edificación "por causa das filtracións de auga".

Unha vez que comprobou o estado no que se atopa a igrexa, o delegado do Goberno compartiu a mesma preocupación do alcalde e anuncioulle que pedirá a intervención do Ministerio de Cultura para acabar coas humidades. Losada tamén avanzou que para esa actuación xa existe un proxecto no que se recollen cales son os traballos máis urxentes a levar a cabo.

O alcalde de Castroverde acusou a Xunta "de deixación" de funcións, xa que é o Goberno autonómico o que, segundo el, "ten a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural".

José María Arias tamén recordou que o pleno da Deputación aprobou na súa última sesión a defensa do patrimonio arquitectónico de Castroverde, aínda que lamentou que o Partido Popular fose o único en votar en contra desta iniciativa.

ESTILO GÓTICO. A igrexa de Santa María de Vilabade é unha construción de estilo gótico do século XV. A maxestosidade da súa fachada fai que sexa coñecida popularmente como a catedral de Castroverde, mentres que a súa privilexiada posición á beira do Camiño Primitivo fai que cada ano reciba a visita de miles de peregrinos.

Comentarios