Investigan por branqueo ao ex-edil das Nogais condenado por corrupción

José Manuel Méndez Freijo. AFP
photo_camera José Manuel Méndez Freijo. AEP

José Manuel Méndez Freijo, ex-edil das Nogais e ex-alcalde da localidade valisoletana de Arroyo de la Encomienda condenado por corrupción urbanística en 2013, regularizaría 211.485 euros grazas á amnistía fiscal que puxo en marcha o PP en 2012 (e que posteriormente sería anulada polo Tribunal Constitucional no 2017), segundo unha información publicada este fin de semana en eldiario.es. A Audiencia Provincial de Valladolid investigaría agora cal é a procedencia ilícita dese diñeiro.

Segundo o que publica o diario dixital, Méndez aproveitaría a amnistía impulsada polo ministro Cristóbal Montoro para legalizar -tras pecharse a instrución do caso polo cal acabou condenado- 211.485 euros cando aínda era alcalde de Arroyo de la Encomienda.

A Audiencia valisoletana estaría a estudar a orixe dese diñeiro, despois de que a Fiscalía ordenase a apertura da investigación contra Méndez que o Xulgado de Instrución número 3 de Valladolid arquivara en novembro de 2017.

Segundo un auto do pasado 21 de xuño, as pescudas iniciáronse logo dun informe da Axencia Tributaria sobre a "posibilidade" de que o diñeiro puidese "proceder de actividades ilícitas".

CASO ARROIO. José Manuel Méndez foi condenado no seu día a tres anos de prisión e 16 de inhabilitación por delitos de prevaricación e suborno. O ex-alcalde de Arroyo de la Encomienda foi o xefe dunha trama de corrupción ao autorizar unha serie de construcións ilegais no seu municipio a través dunha trama de recualificacións e licenzas, tras as cales recibía compensacións de Mahía Inmobiliaria.

O expolítico saíu do cárcere de Teixeiro no ano 2016 para cumprir o resto da súa condena en terceiro grao nun centro de inserción social en Valladolid.

Comentarios