Un investigado por suposta estafa acusado de subtraer chatarra en Outeiro de Rei

Os feitos investigados remóntanse a decembro do pasado ano

Axentes da Garda Civil investigan por un suposto delito de estafa a unha persoa que presuntamente se fixo pasar por un xestor de residuos autorizado para quedar con 3.600 quilogramos de chatarra que nunca chegou a abonar aos seus lexítimos propietarios. Segundo informa o instituto armado, os feitos investigados remóntanse a decembro do pasado ano.

O suposto autor da estafa acordou a compra e recollida de 3.600 quilogramos de chatarra metálica a unha empresa situada no municipio de Outeiro de Rei, pero unha vez que o material chegou ao seu poder, non abonou o prezo estipulado, que fora fixado previamente en 800 euros.

Ademais, tampouco entregou á empresa propietaria da chatarra o certificado de recollida de residuos. A persoa investigada xa foi posta a disposición xudicial.