Iniciadas unhas obras de mellora do viario autonómico de Outeiro de Rei a Castro

A Xunta renovará o firme nalgúns tramos e reforzará a seguridade xunto aos polígonos

A Xunta acaba de iniciar, a través da Consellería de Infraestruturas, unhas obras de mellora da estrada LU-115, da súa titularidade, que une Outeiro de Rei e Castro de Ribeiras de Lea. Estes traballos, que prolongaranse durante a próxima semana, consistirán na renovación do firme nos tramos máis deteriorados e no reforzo da seguridade viaria, especialmente xunto aos polígonos industriais.

O delegado territorial do Goberno galego, José Manuel Balseiro, supervisou este martes o arranque destas obras acompañado polos alcaldes de Outeiro de Rei e Castro de Rei, José Pardo e Francisco Balado, respectivamente.

Segundo explicou Balseiro, en Outeiro de Rei actuarase na intersección desta estrada coa N-VI, instalando mestura asfáltica nova. Tamén está previsto actuar nas tres glorietas do polígono industrial dese municipio, mellorando o firme existente. Ademais, construirase un paso de peóns elevado como medida para limitar a velocidade de paso de vehículos e garantir a seguridade dos viandantes.

En Castro de Rei, as obras concentraranse no tramo urbano que serve de acceso a Castro de Ribeiras de Lea. Consistirán na mellora do firme, unha actuación que tamén está prevista en varios puntos xunto ao polígono. Os traballos incluirán o acondicionamento dun paso de peóns e o reforzo da sinalización vertical.

Balseiro destacou que a LU-115 é un viario moi concorrido, ao conectar esas dúas áreas urbanas e os seus respectivos polígonos.

Comentarios