Indignación en Portomarín ao suprimirse unha praza de mestre no colexio

Os pais critican que este curso a Xunta reduza os docentes de 5 a 4, cando hai un neno máis nas aulas

Os pais dos alumnos do Ceip Virxe da Luz de Portomarín están en pé de guerra ante a supresión dunha praza de docente no colexio. Os proxenitores mostráronse indignados ao comprobar esta mesma semana, no arranque do novo curso escolar, que a Consellería de Educación da Xunta de Galicia decidira reducir o persoal de docentes a catro, cando o pasado ano contaban con cinco.

Aseguraron non entender os motivos que levaron ao Goberno galego a tomar esta determinación cando este ano hai incluso un neno máis nas aulas. "Pasamos de 32 a 33 escolares e sácannos unha praza de mestre, non ten sentido", comentaban os pais, que se uniron para expresar a súa indignación. Expresaron a súa preocupación ademais porque esta medida repercuta de forma negativa na educación dos seus fillos, pois ante a presenza dun mestre menos, escolares de distintos niveis terán que compartir aula pasando de agruparse en tres grupos, a dous.

Deste xeito, os nenos dos cursos de primeiro, segundo e terceiro de primaria estarán xuntos en clase, así como os de cuarto, quinto e sexto. Os pais critican que alumnos de distintas idades veranse obrigados a mesturarse. "Os nosos fillos non son números, teñen nome e apelidos", expresaron os afectados.

Os pais mostráronse taxativos e argumentaron que os recortes en educación supoñen un ataque por parte da Administración contra a vida no medio rural. "Parécenos incrible que uns nenos por vivir no seu pobo non teñan as mesmas oportunidades que outros cativos que vivan na cidade", remarcaron. Os proxenitores reclamaron unha solución urxente e estudan posibles medidas para facerse ouvir.

NECESIDADES "CUBERTAS". Pola súa banda, desde a Consellería de Educación explicaron que se levou a cabo esta decisión "en función de criterios técnicos e dos informes da inspección educativa". Remarcaron que as necesidades educativas do Ceip Virxe "da Luz están totalmente cubertas".

Sinalaron que o colexio incluso conta cun cociente medio inferior ao establecido na comunidade galega, que se sitúa en 10,5 alumnos por mestre. "O centro conta con 33 alumnos, catro profesores, un especialista de Audición e Linguaxe compartido con outro centro, unha orientadora compartida e un profesor de relixión. Polo que falamos dun cociente de oito nenos por mestre", remarcaron.

Comentarios