Enfado veciñal pola demora dos bombeiros no incendio de Outeiro de Rei

O lume orixinado na cociña de leña calcinou unha casa de Outeiro
photo_camera Os equipos de urxencias traballan para extinguir un incendio declarado no interior dunha casa en Outeiro de Rei e que, segundo o 112, causa "importantes danos" materiais pero sen deixar persoas feridas.   

Un incendio orixinado nunha cociña de leña á primeira hora da mañá de onte calcinou o interior dunha casa no lugar de Gondai, na parroquia outeirá de Parada. Afortunadamente, o incidente saldouse sen ter que lamentar danos persoais. A inquilina da vivenda, unha muller que se volveu de Barcelona no contexto da pandemia do covid-19 para pasar unha tempada nesta casa familiar, saíu ilesa do lume.

Foi a propia afectada a que percibiu as chamas nunha habitación do piso superior ao redor das 10.00 horas, unha hora logo de acender a cociña de leña, como cada mañá. O lume fixo que saltasen os chumbos, polo que tampouco puido servirse da auga do pozo, de extracción eléctrica, para tratar de apagar o lume cunha mangueira. A muller chamou a un familiar, que á súa vez deu aviso aos servizos de urxencia.

A central do 112 Galicia pasou o aviso á Garda Civil e aos bombeiros de Vilalba. Desde a capital de Terra Chá, os bombeiros tardaron preto de 40 minutos en chegar, algo que fixeron constar os veciños afectados, que se preguntaban se non habería un parque máis próximo.

Esta casa de Gondai era dos avós da inquilina e levaba dous anos sen uso. Ao parecer, o tiro obstruido da cociña de leña sería a causa do lume ao provocar que se quentasen as vigas da parte superior da casa, onde comezaron as chamas. Aínda que os muros resistiron o lume, o tellado viuse completamente afectado, e a gran parte das vigas afundíronse.

DEMORA NO SERVIZO. Este lume revela, unha vez máis, a demora no servizo contra incendios aínda en localizacións moi próximas á capital lucense, pero dependentes doutros parques comarcais ao non ter a comarca de Lugo un parque propio.

Fai menos dun mes, un incendio que calcinou outra casa en Castroverde, a poucos quilómetros de Lugo, espertou un gran enfado veciñal. O alcalde de Outeiro de Rei, Pardo Lombao, lamentou os feitos acontecidos este luns pero non quixo entrar a valorar os servizos de extinción na provincia.